Angel Carracedo alimenta a curiosidade e a creatividade dos alumnos do Sánchez Cantón
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O catedrático de Medicina Legal e director do Grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo, impartiu este mércores unha conferencia aos alumnos de primeiro e segundo de bacharelato do instituto Sánchez Cantón.
"Invitáronme uns alumnos do centro", explicou. "A verdade é que foi unha cousa moi entrañable. Recibín un correo electrónico duns estudantes xusto nun día no que tiña sobre a mesa 'non sei cantos' convites para dar conferencias fora. Á única que lle dixen que si, foi a esta".
Este prestixioso científico é un dos expertos mundiais en medicina xenética e forense. "Foi moi bonito que se puxesen en contacto comigo directamente os alumnos, fíxome moita ilusión", confesou. "Xa sabes que de cando en vez me gusta dar unha charla divulgativa nos institutos, é o momento do descanso do día e é un pracer estar coa xente".
Non obstante, a gran presenza de mozos enchendo o paraninfo do Sánchez Cantón sorprendeu a Ángel Carracedo. "Hai tanta xente que estou alucinado", dixo.
A súa conferencia, percorreu dende a descrición do ADN, a súa secuenciación no proxecto Xenoma Humano, ata as distintas variabilidades deste. Carracedo detallou a importancia desta variabilidade na poboación e individuos, e puxo exemplos da súa aplicación na detección de enfermidades e na mellora nos tratamentos dun xeito específico.
Finalmente detívose na importancia disto en medicina legal. Non en van dirixe un centro forense punteiro coa maior produción científica mundial nos últimos anos, superando ao FBI, e aos laboratorios ingleses e alemáns.
"O sistema educativo de España corta pola radical a curiosidade e a creatividade"
"O punto de vista foi moi divulgativo, explíqueilles as cousas que facemos no laboratorio", díxonos o profesor Carracedo. "Trato de que se ilusionen pola investigación, de que se pregunten o por que das cousas. De estimularlles un pouquiño a curiosidade, porque é algo que mata ao sistema educativo, esa tendencia que se ten en España a cortar polo radical dúas cousas: a curiosidade e a creatividade. Se eu podo axudar un pouquiño a estimulalos ese era o meu obxectivo de hoxe".
Finalmente, antes de despedirse Carracedo confesou estar "impresionado" polo traballo que desenvolven os alumnos do Sánchez Cantón e felicitounos por todos os premios cos que foron distinguidos.
Relacionadas:
-
RADIO.- Un biólogo molecular de Portonovo que ben merece unha Cebola de Ouro
Por Marisa Ciordia |
-
Dous alumnos do Instituto Sánchez Cantón obteñen unha bolsa Amancio Ortega
Por Oskar Viéitez |
-
Xesús Vázquez asina un convenio con 76 centros para mellorar a calidade educativa
Por Oskar Viéitez |
-
A aplicación móbil sobre Pontevedra creada no Sánchez Cantón será utilizada como ferramenta turística
Por Alejandro Espiño |
-
O Sánchez Cantón recibe o Premio Nacional de Educación polo desenvolvemento dunha aplicación para móbiles
Por Oskar Viéitez |
-
Os institutos Sánchez Cantón e SEK levan os seus proxectos a Galiciencia
Por Oskar Viéitez |