Acusan ao goberno local de Vilagarcía de facer un corta-pega coa ordenanza de praias
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal socialista do Concello de Vilagarcía acusa ao goberno local do alcalde popular, Tomás Fole, de facer un "corta pega" á hora de elaborar a ordenanza de uso, seguridade e conservación das praias.
A voceira do PSdeG-PSOE, Tania García Sanmartín, recordou que a iniciativa de elaborar un regulamento de usos para as praias do termo municipal xurdiu a raíz dunha moción dos socialistas aprobada pola corporación municipal a mediados do pasado ano.
Non obstante critica que o texto presentado polo goberno local non recolle as características particulares que reúnen os areais deste municipio polo que criticou a "incapacidade e desleixo" do grupo de goberno "un equipo con tres persoas liberadas, cun corpo de funcionarios e técnicos á súa disposición, tarda seis meses en presentar unha moción que calquera pode baixar de Internet", dixo.
Tania García explicou que dende a oposición están a traballar para axilizar a proposta que o seu grupo volverá someter á consideración do pleno da corporación.