Activan un dispositivo de busca no Umia ao alertar un veciño da presenza dun corpo flotando
Por Natalia Puga
Voluntarios de Protección Civil de Caldas de Reis, Cuntis, Portas e Vilanova de Arousa, a Policía Local de Caldas e a Garda Civil manteñen activo un operativo de busca no río Umia dende pasadas as 19.00 horas deste xoves. A alerta abriuse tras a chamada dun veciño que creu ver un corpo flotando na canle.
A primeira hora da noite deste xoves a Garda Civil tivo constancia da desaparición dun home do asilo de Caldas de Reis. O señor, de 77 anos, non acudiu a cear, segundo lles confirmaron dende o centro de terceira idade.
Protección Civil de Caldas explicou que o alertante creu ver o corpo no Umia á altura da fábrica de Clesa en Caldas, de modo que o operativo se despregou dende ese punto río abaixo. O 112 estableceu que a busca se estenda ata Vilanova de Arousa, a zona ata a que se calcula que puido chegar o corpo por como estaba o río no momento do avistamento.
O veciño que deu a alerta chamou o 112 e, posteriormente, os responsables do operativo volveron poñerse en contacto con el. ÿ un home que relatou que viu pasar un corpo dunha persoa que podería ter o pelo branco, pero non puido acreditar o 100% a súa versión porque neses momentos o rio baixaba moi crecido e o vulto pasou por rápido e perdeuno de vista.
O operativo activouse cando xa era de noite, de modo que os integrantes deste apoiaron a busca con lanternas, pero, de todos os xeitos, destacan a escasa visibilidade que hai na canle fluvial e que o tramo do Umia que están a peitear ten zonas de difícil acceso. Nos primeiros momentos da busca céntranse en facer recoñecementos visuais da zona, pero estes vense dificultados pola chuvia.