Amencer-Aspace, o colectivo galego ao que "máis golpea" a reestruturación do 065
Por Natalia Puga
A entidade pontevedresa de atención a persoas con parálise cerebral e patoloxías afíns Amencer-Aspace é "a asociación de Galicia que máis golpea" a reestruturación do servizo do 065. A Xunta de Galicia decidiu que este servizo deixe de facilitar o transporte regular de persoas con discapacidade e só o fará cos desprazamentos puntuais.
A reestruturación deste Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal 065, que empezará a aplicarse en febreiro, afecta a bo número de asociacións que mantiveron recentes reunións. Nestes encontros é nos que o presidente de Amencer-Aspace, Carlos Godoy, comprobou que este colectivo pontevedrés era o máis afectado pola nova situación.
En concreto, os vehículos do 065 trasladaban a diario 17 usuarios adultos aos centros de día de Amencer-Aspace en Pontevedra (Lourizán e Campolongo) e Vilagarcía e agora quedan sen medio de desprazamento.
Godoy explicou que pactaron coa Consellería de Traballo e Benestar unha prórroga do servizo. Terán un ano para conseguir pola súa conta como trasladar aos seus usuarios, pero a cambio de comprometerse a axilizar a busca dunha solución.
Parte desta solución xa a encontrou na Deputación de Pontevedra. Este venres asinaron un convenio de colaboración co presidente, Rafael Louzán, mediante o cal a institución provincial achega 30.000 euros para adquirir un autobús adaptado que supla o servizo que deixa de prestar o 065.
Os 30.000 euros da Deputación contribúen a comprar ese autobús, pero Amencer-Aspace aínda terá que facer unha achega propia. De todos os xeitos, agradecen o apoio porque con ese primeiro vehículo terán capacidade para trasladar seis usuarios en cadeiras de rodas e ten unha solución xa para case o 50% dos usuarios.
Agora Amencer-Aspace terá que reunir fondos para adquirir un segundo vehículo para outras seis cadeiras de rodas e os cinco usuarios restantes trasladaranse a través doutros recursos da asociación. Para poder sufragar este gasto inesperado, pedirán unha achega dos propios membros da asociación e buscarán a colaboración de empresarios da provincia.
Relacionadas:
-
Respaldo municipal ao transporte adaptado para suplir os recortes do 065
Por Redacción |
-
Innovación e solidariedade na FP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedra acollerá a 'Marcha sobre rodas' de ASPACE para visibilizar a parálise cerebral
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta apela ao diálogo entre Transa e os traballadores "por el bien de la ciudadanía"
Por Natalia Puga |
-
Unha furgoneta para todos
Por Redacción |