Clienta á fuga... e dependenta á persecución
Por Natalia Puga
As rúas Benito Corbal e Cobián Roffignac viviron na tarde do mércores unha escena máis típica dunha película que de dúas rúas da zona comercial de Pontevedra. Unha ladroa fuxindo dun comercio e a encargada perseguíndoa e logrando interceptala e retela ata a chegada da Policía.
Os feitos aconteceron arredor das 19.15 horas. A encargada dun comercio de Benito Corbal decatouse de que unha muller collía varias pezas de roupa do establecemento e saía correndo á rúa intentando furtalas.
Sen pensalo dúas veces, saíu correndo detrás dela, perseguiuna por Benito Corbal e conseguiu darlle o alto na rúa Cobián Roffignac. A Policía Nacional xa fora alertada do incidente, de modo que lle saíu ao paso e identificou a presunta ladroa.
A clienta á fuga resultou ser veciña da Courña de 26 anos e foi identificada como presunta autora dunha falta de furto. Levaba dentro dun bolso pezas valoradas en 204,77 euros que pertencía á tenda na que fora sorprendida roubando.
Depois de pasar pola Comisaría, quedou en liberdade e foi citada para un xuízo rápido.