O PP de Pontevedra non admite leccións do PSOE sobre a situación de cargos imputados
Por Oskar Viéitez
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, afirmou que o PSOE "non é quen de dar leccións a ninguén" sobre a situación de cargos imputados xudicialmente, argumentando que ese partido "ten cargos non cunha imputación, senón varias".
Louzán, que este venres presidiu a xunta directiva provincial, reafirmou o "máximo respecto" do PP "polo labor xudicial" e recordou que "unha imputación non é unha condena".
Na súa réplica ao secretario provincial do PSOE de Pontevedra, Santos Héctor, que cuestionara se os populares incluirían cargos ou excargos imputados ou condenados en próximas listas electorais, Rafael Louzán referiuse a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, á que trasladou "apoio total á súa xestión", á espera de "coñecer máis do sumario".
Precisamente, Catalina González foi unha das ausentes na reunión da xunta directiva, na que o eurodeputado pontevedrés Francisco Millán Mon fixo balance dos últimos cinco anos no Parlamento Europeo, onde os intereses galegos foron "prioritarios".