Ordenan repetir un xuízo por unha agresión porque o acusado estaba na Lama e non recibiu a citación

Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra anulou un xuízo contra un home acusado dunha agresión e ordenou que se repita porque considera que se vulneraron os seus dereitos ao non citalo convenientemente para asistir á vista oral.
O home fora condenado polo Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra por esa agresión tras a celebración dun xuízo ao que non se presentou, pero recorreu e a Audiencia estimou o seu recurso.
Así, a Audiencia declarou a nulidade do xuízo e da sentenza ditada e obrigou á celebración dunha nova vista cun xuíz distinto "a fin de preservar a debida imparcialidade".
O acusado, no seu recurso, ao que se adheriu a Fiscalía, pedía a nulidade do xuízo e da sentenza "por vulneración do dereito fundamental de defensa, á tutela xudicial efectiva e a un proceso con todas as garantías".
O mozo explicou que non acudiu ao xuízo celebrado o 8 de novembro pasado porque non foi debidamente citado e non chegou a coñecer a súa convocatoria. Segundo explicou, na data da citación e da celebración do xuízo, estaba ingresado no centro penal da Lama en situación de prisión preventiva por orde do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra. Ingresou o 8 de agosto e saíu libre o 22 de decembro.
A citación entregáronlla á súa avoa, unha persoa de avanzada idade, que posiblemente a extraviou e nunca lla comunicou
A sentenza agora anulada condenábao por un delito de lesións á pena de multa dun mes e medio días a razón de 5 euros diarios e a unha indemnización de 110 euros á súa vítima por unha agresión ocorrida o 22 de abril de 2022 sobre as 20:40 horas.
Ese fallo agora anulado consideraba probado que a vítima paseaba pola rúa Laranxo de Pontevedra cando o acusado o agarrou polo pescozo e deulle puñadas na cabeza e unha patada no abdome.