Mosquera asesorará o Parlamento na tramitación da nova Lei do Solo
Por Alejandro Espiño
Intentar que o modelo urbano de Pontevedra teña cabida na nova lexislación urbanística. ÿ o obxectivo co que César Mosquera comparecerá o vindeiro xoves ante a comisión de estudo para a elaboración dunha nova lei do solo. Nela participarán, ademais do conselleiro Agustín Hernández, outras 31 persoas, entre as que se atopan representantes da FEGAMP, asociacións agrarias e medioambientais ou técnicos e expertos na materia.
Neste último apartado inclúese a achega que fará o concelleiro de Ordenación do Territorio no Concello de Pontevedra. A comparecencia de todos eles farase en base ao borrador da lei, xa redactado polo goberno galego. Un documento que, segundo César Mosquera, "non modifica a lei actual dunha forma substancial" e, polo tanto, non recolle o modelo de cidade polo que aposta Pontevedra.
"Entendemos que é unha boa oportunidade para poder resolver unha serie de problemas que ten a lexislación urbanística en Galicia", sinalou Mosquera, en especial con respecto á política despregada en Pontevedra. En todo caso, afirmou que "non pedimos que a lei se faga a medida do noso modelo e que se lle impoña a outros concellos, pero aspiramos a que teña unha cabida razonable na nova lei".
O edil nacionalista recoñeceu que, nos últimos anos, o goberno municipal tivo que esquivar, sempre respectando a legalidade, algúns aspectos que marcaba a lei do solo en vigor. Trátase de condicionantes urbanísticos que agora Pontevedra pretende suavizar na nova lexislación. Unhas suxestións que, de ser aceptadas, "evidentemente" supoñería recuperar a tramitación do novo PXOM.
Mosquera fará un especial fincapé na oposición á obrigada construción de bloques de vivendas illados e con moita altura, xa que Pontevedra aposta "por alturas contidas e un tecido urbano continuo"; evitar que o 50% de cada ámbito de actuación teña que dedicarse a viais e aparcamientos, suspender que un particular poida solicitar unha expropiación forzosa ou clarificar as competencias urbanísticas entre a Xunta e os concellos.