Revisan se dous acusados do crime do Umia seguen en prisión o mes e medio que falta para o xuízo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O crime do Umia do 22 de xullo de 2010 recalou este martes de novo na Audiencia Provincial de Pontevedra. A Sección Cuarta celebrou dous vistos para revisar a situación de prisión provisional de dous dos catro acusados, Jesús Piñeiro Mera 'Chicho' e Héctor Vázquez Liste, en dúas sesións nas que a fiscal e a acusación particular solicitaron prorrogar a estanza en prisión e os dous avogados defensores, que os seus clientes queden en liberdade ata a celebración do xuízo. A Audiencia resolverá nos próximos días coa súa decisión tras escoitar a todas as partes e estudar o procedemento.
O xuízo con xurado popular contra os catro procesados (os dous restantes son Adrián Ferro Couto e Borja Coucheiro Sanjurjo, aos cales xa se prorrogou a prisión provisional o pasado verán) está sinalado para o próximo 10 de marzo. A pesar de que queda tan só un mes e medio, era necesario que este martes se revisase a permanencia en prisión dos dous porque en febreiro se cumpren xa dous anos da súa detención e ingreso no cárcere.
A vista relativa a Héctor Vázquez Liste celebrouse coa presenza do procesado e a porta pechada. Estaba previsto que el se conectase por videoconferencia dende a prisión da Lama onde está internado, pero finalmente acudiu á Audiencia por problemas no sistema de comunicacións que non aseguraba que puidese chegar a contactarse con el no cárcere.
O seu avogado, José Luis Gutiérrez Aranguren, explicou que a fiscal e o particular alegaron que o seu cliente debe permanecer en prisión pola gravidade dos feitos que se lle atribúen e a pena elevada que se lle pide (20 anos por asasinato) e porque entenden que non se produciu ningunha variación na súa situación con respecto ao 2 de febreiro de 2012, cando o Xulgado de Caldas acordou o seu ingreso en prisión.
O letrado discrepa en todos os puntos. Así, cre que con respecto a 2012 agora xa non existe a posibilidade de "influir, modificar o ocultar pruebas, una vez que ya se acabó la investigación". Ademais, apela á "inexistencia de riesgo de fuga porque mi cliente es una persona que tiene arraigo social y familiar. No solo trabajaba, sino que además estudiaba, compaginaba las dos actividades y además con éxito".
"Entiendo que ni riesgo de fuga ni posibilidad de alteración de pruebas ni posibilidad, por desgracia, de causar daños a bienes jurídicos de la víctima porque está fallecido. Existen elementos como para no prorrogar el ingreso en prisión", concluiu, se ben é "consciente" de que o escaso tempo que falta para a celebración do xuizo influirá na decisión do tribunal.
Este letrado sostén a inocencia do seu cliente e recorda que se lle implicou no crime do mozo de Moraña de 29 anos Enrique Monteagudo Caldas sobre a base da sétima declaración dun dos imputados, Adrián Ferro, que tras declarar seis veces, na última se contradixo e implicou a Héctor Vázquez e Jesús Piñeiro "en beneficio de dos amigos suyos hasta ese momento imputados".
Tras rematar a vista para revisar a prisión de Héctor Vázquez celebrouse outra para realizar o mesmo trámite con Jesús Piñeiro. Este procesado non asistiu porque, no seu caso, non está no cárcere da Lama, senón no centro psiquiátrico de Conxo, en Santiago. O seu avogado defensor rexeitou achegar datos, pero a fiscal do caso confirmou que pediu que quedase libre mentres que, como no caso do outro imputado, ela e a acusación particular cren que debe seguir internado ata o xuízo.
O xuízo estaba previsto para o mes de outubro, pero tivo que suspenderse polo estado psicolóxico deste procesado. Jesús Piñeiro estaba entón en prisión provisional e un informe psicolóxico concluíu que "non se encontra capacitado para comparecer ao xuízo oral", de modo que por orde da Audiencia se lle someteu a unha serie de probas no Hospital Provincial. Finalmente, os forenses concluíron que si pode asistir ao xuízo, pero modificouse a súa situación e pasou de estar en prisión a un centro de internamento. No seu caso tamén se cumpren en febreiro os dos anos de ingreso en prisión.
Tanto a Fiscalía coma a acusación particular solicitan para os catro procesados unha condena a 20 anos de prisón como autores dun delito de asasinato ao considerar que os catro, veciños de Cuntis e A Estrada de entre 23 anos e 55 anos, remataron coa vida de Enrique Monteagudo Caldas "de forma sorpresiva e sen que tivese oportunidade ningunha de defenderse. Golpeáronlle cun obxecto contundente e cortáronlle cun obxecto cortante e afiado no pescozo, supostamente todo por unha débeda vinculada co estraperlo de drogas.
Relacionadas:
-
Un dos acusados polo crime do Umia incrimina os demais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Prorrogan a prisión a dous acusados do crime do Umia porque a proximidade do xuízo "incrementa o risco de fuga"
Por Natalia Puga |
-
Aprazan o xuízo do crime do Umia porque un dos catro acusados "non se encontra capacitado"
Por Natalia Puga |
-
"Para nós, dende logo, a sentencia xa está feita, son culpables os catro do asasinato de meu irmán"
Por Natalia Puga |