O programa municipal de educación viaria chega ás 15 parroquias do rural
Por Alejandro Espiño
Campañó será a primeira parroquia do rural pontevedrés que recibirá un curso de seguridade viaria para reducir o risco de accidentes de tráfico. Será o vindeiro xoves, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura. Posteriormente será a quenda de Alba, Lérez e Marcón. Trátase dun programa específico para o rural, mediante o cal axentes da Policía Local acudirán a todas as parroquias para instruír e formar en educación viaria aos seus habitantes.
Trátase dunha proposta "presentada e aceptada" no seo dos consellos parroquiales, segundo explicou a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva. Este programa busca diminuír os accidentes e a lesividade no rural, onde un 33% dos feridos graves débense a condutores que circulan a velocidade inadecuada. A escasa visibilidade, as distraccións, o estado do vial ou os animais soltos son outras das principais causas.
Con estes cursos, abertos á participación de todo tipo de persoas e colectivos, "queremos lograr que os usos compartidos dos viais do rural se fagan da forma máis axeitada posible", destacou Carme da Silva. Farase un énfase especial na figura do peón, moi desprotexido no rural, de forma que se lles proporcionará recomendacións para o uso e o cruzamento na calzada, a utilización dos chalecos ou os tempos de reacción dos condutores.
En canto á velocidade, os axentes da Policía Local, tratarán de concienciar aos habitantes do rural da lesividade en función da velocidade ou da necesidade de adaptar a súa circulación ás características e usos da vía; e informaráselles das medidas de acougado de tráfico que se está empezando a aplicar tamén no rural como os 'lombos' ou as zonas 30, 40 ou 60, dependendo dos núcleos de poboación.
Ademais, un apartado especial destes cursos está dedicado a informar sobre as circunstancias psicofísicas de condutores e peóns, entre elas posibles limitacións auditivas ou visuais, o consumo de alcohol, drogas ou medicamentos, ou as condutas de risco que supoñen o uso de teléfonos móbiles, GPS, o tabaco ou circular sen levar posto o cinto de seguridade ou sen o seguro obligatorio.