Exitosa xornada de piragüismo na Lama con máis de 200 participantes

Por Redacción
Máis de 200 persoas participaron na xornada de piragüismo posta en marcha polo Concello da Lama no río Verdugo que tivo que botar man das embarcacións de reserva para atender a gran demanda suscitada por esta actividade que tivo que ser aprazada a pasada semana por mor da choiva
As altas temperaturas e un sol radiante animaron aos participantes para surcar o río Verdugo en piragua, unha iniciativa lúdica para persoas de todas as idades incluída dentro do plan de actividades do “Verán Cultural” do Concello da Lama e que conta coa colaboración do Club de Piragüismo de Vilaboa.
Os participantes, provistos obrigatoriamente de chaleco salvavidas e supervisados por monitores do Club de Piragüismo de Vilaboa, participaron en 6 quendas corridas desde as 17 horas.
Os monitores explicaron aos participantes os distintos modelos de piragua e diferenzas existentes coas canoas. Tamén explicaron as principais técnicas para facer máis eficiente a palada na auga. Durante a xornada, estivo presente o terceiro tenente de alcalde, Andrés Cal Malleiro, quen tamén se inscribiu e se animou a embarcar co seu fillo e facer a tarvesía polo Verdugo.
O éxito deste evento confirman que esta actividade pioneira na comarca do Verdugo-Oitavén é unha cita obrigada do verán para os veciños e veciñas da Lama e os seus visitantes xa que lles permite un maior goce do tempo libre familiar e favorece tamén a interrelación xeracional a través da práctica de actividades saudables e de encontro coa natureza.