As bombonas de butano xa non son o único obxectivo dos cacos: pásanse ao propano
Por Natalia Puga
Durante o ano 2013 os ladróns cebáronse coas estacións de servizo de Pontevedra que venden bombonas de butano. A Policía Nacional ten constancia do roubo de 149 en todo o ano, as últimas o 30 de decembro. Ano novo, hábitos novos. O primeiro roubo denunciado por feitos similares neste 2014 foi polo roubo de bombonas, pero de gas propano.
Os feitos aconteceron na madrugada deste martes a este mércores na estación de servizo Betaoil de Mourente e os propietarios denunciaron que se produciu un roubo con forza de sete bombonas de propano.
Segundo fontes policiais, os ladróns forzaron o cadeado do enreixado que pecha o recinto no que se gardan as bombonas de propano e leváronse sete valoradas nun total de 386 euros.
Fontes oficiais da Comisaría explicaron que ata o momento non se identificou nin detido a ninguén como responsable do roubo e que no caso das bombonas de butano que se levaron o ano pasado si houbo identificados.
Segundo os datos oficiais, foi especialmente dramático para o sector o mes de setembro, cando constan denuncias pola subtracción de 70 bombonas de butano e 14 de propano. Esta semana en Mourente non se levaron ningunha de butano.