Louzán aposta por un 'Plan Renove' para mellorar as infraestruturas turísticas das Rías Baixas
Por Alejandro Espiño
O turismo é, segundo o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, "un pilar básico para a recuperación da economía e para a xeración de emprego". E nese contexto, sinalou, a provincia de Pontevedra e as Rías Baixas como destino turístico consolidado deben aproveitar as súas potencialidades. Pero para elo é necesario, dixo, un 'Plan Renove' para incentivar a renovación e adecuación das infraestruturas turísticas.
Tras participar este martes nun foro sobre turismo celebrado en Madrid, Rafael Louzán recordou que España bateu o seu récord de chegada de turistas, cos 60,6 millóns de visitantes habidos no ano 2013, e tamén o récord de ingresos pois, só entre xaneiro e novembro do ano 2013, os ingresos por chegada de turistas acadaron os 55.896 millóns, cifra nunca obtida antes. E as perspectivas para 2014, sinalou, son aínda mellores.
Para aproveitar esa situación, Louzán asegurou que "é preciso que as institucións públicas vaian da man co sector, en perfecta coordinación para mellorar as infraestruturas, en moitos casos obsoletas ou desfasadas, e a competitividade". A modo de exemplo, sinalou que complexos emblemáticos "como algúns Paradores ou o propio Gran Hotel de A Toxa necesitan melloras urxentes que poden ser impulsadas a través dun Plan Renove para o sector".
Neste sentido, o presidente da Deputación sinalou que a institución provincial asinará en próximas datas un convenio coa presidenta de Paradores de España, Isabel Borrego, para levar a cabo diversas actuacións nos catro paradores de turismo de Pontevedra e, sinaladamente, no de Baiona, "no hai que facer melloras importantes relacionadas coa súa accesibilidade".
EVENTOS PARA A PROMOCION DAS RIAS BAIXAS
Rafael Louzán afirmou tamén que a promoción dunha determinada zona turística "xa non vai ligada a xeitos clásicos de promoción, senón a determinados eventos que se celebren". Por esta razón, explicou que a Deputación aposta por unha planificación de eventos que axuden a promocionar as Rías Baixas, como o Congreso Mundial da Camelia, un Campionato Mundial de Surf, a Vuelta Ciclista a España "e outros eventos que se están ultimando".
Neste marco, destacou que a presenza de Rías Baixas en Fitur será unha clara aposta polo turismo cultural, "a modalidade que máis gasta e máis ingresos xenera ao tratarse dun segmento social de medio ou alto poder adquisitivo". Será con dous novos produtos turísticos: a ruta dos castelos e a dos xacementos, que serán presentadas o venres 24, ás 12.00 horas, co título Rías Baixas en los albores de la historia.
Ademais, Louzán anunciou que o proxecto Smart Destiños Intelixentes, unha plataforma conxunta co sector hoteleiro da provincia que ofrece información en tempo real e a posibilidade de facer reservas nos hoteis pontevedreses, está previsto que comece a funcionar antes do verán e agardan que facilite a chegada de turistas porque "hoxe fanse estancias máis cortas, viaxan con programación e reservan a través de móbiles, tabletas e similares".
Relacionadas:
-
Qué é Smart Destinos Pontevedra?
Por Oskar Viéitez |
-
As Rías Baixas venderanse como un destino único de praia e interior
Por Redacción |
-
Os empresarios demandan publicitar as Rías Baixas promovendo eventos
Por Oskar Viéitez |
-
O Surf Rías Baixas Pro 'sobe de categoría' e convértese nun campionato internacional absoluto
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación renuncia de novo ao stand de Rías Baixas en Fitur
Por Oskar Viéitez |
-
Todo preparado para o Congreso Internacional Camellia 2014
Por Redacción |