Noites Abertas cumpre 15 anos coa programación máis ambiciosa e variada da súa historia
Por Alejandro Espiño
Noites Abertas cumpre 15 anos como alternativa de lecer para a mocidade pontevedresa. E faino cunha ambiciosa programación. 117 actividades diferentes, máis que ningún outro ano, que se repartirán nos máis de tres meses que abarcará este programa, do 31 de xaneiro ao 3 de maio. En total, destinaranse 105.600 euros a estas actividades, financiadas nun 70% polo Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade.
Na súa presentación, o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez destacou a importancia deste programa nas actividades que impulsa o Concello de Pontevedra. O éxito de Noites Abertas, no que 2013 participaron máis de 5.000 mozos de entre 12 e 30 anos, débese, dixo, "a que non é un programa paternalista non que facemos actividades sen máis, senón que ofertamos o que a sociedade está disposta a ofrecer".
Nesta edición, das 232 propostas presentadas por empresas, asociacións ou persoas individuais, seleccionáronse 117 dando prioridade a aquelas recibidas de colectivos xuvenís. Repartiranse entre 15 fins de semana (só se descansará os dous sábados de Entroido) e celebraranse en trece espazos diferentes, principalmente no colexio Froebel, a Casa Azul, o Local de Música e o Multiusos da Xunqueira.
Trátase, en todos os casos, de actividades gratuítas que non requiren inscripción previa nin a achega de material de ningún tipo. Están coordinadas, a parte de por o persoal municipal do servizo de Xuventude, por outras 147 persoas (cinco controladores e 142 monitores). A eles sumaranse, por primeira vez, dous participantes do programa de Voluntariado Europeo, procedentes de Italia e Hungría, que chegarán a Pontevedra en próximos días.
Entre a oferta desta nova edición de Noites Abertas atopamos diferentes actividades deportivas, talleres de manualidades, cursos de cociña, ciclos musicais, artísticos e formativos, teatro, danza, ofertas de lecer relacionadas coa natureza ou numerosas propostas ambientais. Todas elas co obxectivo de que os mozos pontevedreses compartan un espazo de lecer de forma distendida, lúdica, divertida e constructiva.
A campaña de Noites Abertas 2014, deseñada pola empresa Rei Zentolo, será o fío condutor das actividades de animación teatral e promoción deste programa, tanto nos centros educativos da cidade, como na rúa. O vindeiro xoves 30 de xaneiro, ás 17.30 horas, está previsto unha 'perfomance' na Praza da Peregrina. Será o colofón a numerosas presentacións que, esa mesma semana, celebraranse en colexios e institutos.
A programación completa de Noites Abertas 2014 pódese consultar, entre outros soportes, en www.noitesabertas.com ou www.xuventude.pontevedra.eu, na páxina do programa en Facebook ou a través da APP para móbiles dispoñibles para teléfonos e tabletas co sistema operativo Android.
Relacionadas:
-
'Overbooking' nas actividades de Noites Abertas 2014
Por Redacción |
-
A primeira fin de semana de Noites Abertas bate récords de participación
Por Redacción |
-
Mozos pontevedreses, as Noites Abertas xa están aquí!
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Empresas de toda Galicia presentan ofertas para Noites Abertas 2014
Por Redacción |
-
Chegan as propostas para Noites Abertas 2014
Por Redacción |