Núñez Feijóo asegura que é "absolutamente incompatible" ser concelleiro na Lama con vivir en México
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Ser concelleiro da Lama e vivir en México é algo "absolutamente incompatible". Así de contundente se mostrou este xoves o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, en relación ao caso do edil Juan Carlos Piñeiro, que optou polo momento por manter a súa acta de concelleira en dito municipio pontevedrés malia terse trasladado por motivos laborais ao país mexicano.
Durante a rolda de prensa posterior á celebración do Consello da Xunta, Núñez Feijóo sinalou que "nas próximas semanas" o edil deberá decidir se mantén o seu domicilio en México e cesa do seu cargo na Lama. "Cobrar e estar fóra, non", advertiu o tamén presidente o PPdG, aínda que destacou que, a diferenza do suxerido polo PSdeG-PSOE, "non cobrou un euro" desde que se marchou.
"Ese concelleiro nin cobra a dedicación exclusiva nin o plus de tenente de alcalde, como non podía ser menos", afirmou o presidente da Xunta.
LOUZAN PIDE "UNHA MARXE DE TEMPO"
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, pediu este xoves que se dea "unha marxe de tempo" ao concelleiro do seu partido na Lama que marchou a México hai unhas semanas por unha oferta laboral. Segundo explicou, o posto de traballo aínda non é definitivo, de aí que solicite que se lle deixe un prazo antes de que renuncie á súa acta de concelleiro por se o novo contrato non se consolida e regresa a Galicia.
Louzán recordou que Juan Carlos Piñeiro xa renunciara á tenencia de alcaldía e á dedicación exclusiva e a "nómina moi razoable" que cobraba do Concello antes de ir a México e só quedou coa acta de concelleiro. Esa acta é para a que pide tempo antes da renuncia, pois "o que está vendo son posibilidades de traballo alí" e ve "coherente" que se deixe a porta aberta a que manteña as súas credenciais como edil por se regresa.
En caso de que se consolide esa oferta de traballo que ten e se decide quedar "o coherente sería renunciar á súa acta de concelleiro", pero, de momento, fai un chamamento a que se lle de tempo. Non recorda o día no que marchou a México, pero sinala que foi "hai dúas ou tres semanas".
Louzán valorou ademais a traxectoria política e profesional deste concelleiro, que foi, segundo el, un gran traballador do Concello, e sinalou que lle comunicou en persoa na sede provincial do PP de Pontevedra a súa marcha ao estranxeiro nunha reunión mantida no mes de decembro na que tamén estivo presente o alcalde da Lama, Jorge Canda.
Louzán restoulle importancia á polémica destapada polo grupo municipal do PSdeG-PSOE ao tratarse dunha situación temporal e ao feito de que non cobra na actualidade ningún tipo de retribución. Engadiu que non é a primeira vez que acontece un caso parecido, xa que un edil doutro concello e doutro partido ausentouse por nove meses, e "non pasou nada". Aínda que matizou que se ben non era membro do equipo de goberno.
Relacionadas:
-
O tenente de alcalde da Lama devolveu os cartos cobrados "por error" tralo seu cese, segundo Jorge Canda
Por Redacción |
-
Jorge Canda cede e anuncia a dimisión do concelleiro que mantiña a súa acta vivindo en México
Por Redacción |
-
O PP non "respalda" que o ex tenente de alcalde da Lama cobrase a dedicación exclusiva vivindo en México
Por Redacción |
-
O PSOE ameaza con ir a Fiscalía porque o tenente de alcalde da Lama cobrou a dedicación exclusiva estando en México
Por Redacción |