Descartan dar 'marcha atrás' en Echegaray e A Barca porque os cambios funcionan "razoablemente ben"
Por Alejandro Espiño
As medidas adoptadas polo goberno municipal trala reapertura da Ponte da Barca están funcionando "razonablemente ben", segundo o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera. "Desde logo moitísimo mellor do que funcionaba antes", insistiu. Xa hai un mes que Echegaray e a súa contorna converteuse nunha zona para residentes e servizos, tempo suficiente para facer un "análise sosegado" duns cambios "satisfactorios".
Mosquera sinalou que, antes do corte na Barca, pasaban por Echegaray uns 14.000 vehículos diarios e cruzaban a ponte preto de 18.000 ao día. Unha cifra que actualmente reduciuse ata unha cifra que rolda os 7.000 e os 14.000 coches, respectivamente. Por iso, á espera de que chegue o verán, a verdadeira proba de lume para todos estes cambios, no goberno municipal considera que os obxectivos van camiño de cumprirse.
O edil nacionalista celebrou que, coas modificacións físicas en Echegaray, "erradicamos a histórica dobre fila" e o estacionamento para servizos en toda a rúa "salvo certas disfuncións" que foron solucionadas con algún axuste, demostrou a súa utilidade. Tanto que, segundo Mosquera, "todos están contentos" do resultado actual. "Salvo o señor Moreira que aínda no último pleno criticou o que fixemos".
Esta situación permitiu tamén, dixo César Mosquera, "eliminar os molestos bucinazos" na contorna de Alfonso XIII, onde se sitúan os colexios Froebel e Doroteas ou a Biblioteca municipal, aínda que recoñeceu que o cambio de sentido na rúa, que agora dirixe a Concepción Arenal, provocou algúns "infractores recalcitrantes", que foron multados pola Policía Local por circular de forma continua e consciente por dirección prohibida.
Mosquera asegurou que visto o resultado, veciños e comerciantes de Alfonso XIII solicitáronlle a peatonalización total da rúa, creando unha plataforma única ao estilo de Michelena ou Riestra. Pero por agora o Concello descarta tal actuación. "Se os tempos foran outros e houbese cartos, faríase, pero agora hai outras prioridades", sinalou o concelleiro. En todo caso apuntou que con estes cambios "xa está case peonalizada", o que aumentou a seguridade dos centos de nenos que acoden a diario a esa zona da cidade.