O DNI, porta a porta
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Chaman á porta nunha vivenda unifamiliar da Teoira (Marín). Pasa das 15.00 horas da tarde e dentro está Javier coa súa sogra. Abre e encóntrase ao pé das escaleiras a Antonio Fernández e Remedios Santos: "Buenas tardes, venimos de la Comisaría, llamamos por la mañana. Es por la renovación del DNI de Josefa".
Josefa leva cinco anos moi enferma e na actualidade está en cadeira de rodas e a súa mobilidade viuse reducida de tal forma que tan só é capaz de mover a cabeza e, con dificultade, as mans. A súa capacidade de raciocinio tamén se ve limitada e necesita estar atendida as 24 horas do día. O esforzo familiar permite que reciba toda a atención necesaria sen moverse da casa na que vive coa súa filla, o seu xenro e dúas netas, pero hai servizos que os seus non poden darlle. Un deles é renovar o DNI que ten caducado e necesita ter en vigor para realizar trámites médicos e burocráticos.
Para facelo posible chegan á súa casa os dous funcionarios da Oficina de Tramitación da Comisaría de Pontevedra que dende o ano 2010 se encargan do equipo móbil de expedición do DNI, que percorre hospitais, vivendas particulares e residencias da terceira idade para expedir e renovar documentos a persoas enfermas, en situación de dependencia ou con discapacidade que contan cun certificado médico que acredita que non poden acudir ás dependencias policiais para realizar o trámite. Periodicamente tamén acoden a concellos sen Comisaría como Lalín e A Estrada para facilitar que os seus habitantes e, fundamentalmente, as persoas maiores, poidan ter toda a súa identificación en regra sen necesidade de desprazarse a Pontevedra, Marín ou Vilagarcía.
Nesta ocasión acompáñaos PontevedraViva. O periplo empezou no garaxe da Comisaría e antes de chegar ata A Teoira fixo unha parada no centro médico La Merced de Poio, onde Juan (nome ficticio) está en estado vexetativo prostrado nunha cama tras sufrir un grave accidente laboral. En nome da súa esposa e fillas pequenas, a asistenta social, Nataly Iglesias, solicitou o desprazamento do equipo móbil.
Non hai documento co que comparar os datos, pois perdeuse no accidente, o paciente non se comunica e, "por humanidad", Antonio e Remedios non cren necesario intentar extraerlle a pegada dactilar. Non é necesario, o paciente xa tiña o DNI electrónico e estas probas xa estaban na base de datos, así que lle visitan no seu cuarto e "dan fe" de que é a mesma persoa que figura na documentación e que está vivo.
ÿ un trámite "bastante habitual" en pacientes tan graves, "molestamos lo mínimo posible, tiramos de humanidad, ya tenemos los datos y no vamos a hacer sufrir a nadie más si no es necesario, también es parte de nuestro trabajo". En pacientes que aínda teñen o DNI antigo (o de cor azul) tamén terían requirido a partida literal de nacemento, pero neste caso cos datos que xa teñen e a solicitude e foto que entregou a súa esposa é suficiente.
Antonio e Remedios percoren toda a zona norte da provincia levando o equipo móbil do DNI a casas, hospitais e centros de maiores
Na Teoira, Josefa permanece calada todo o tempo que Antonio e Remedios empregan en acender o equipo móbil, comprobar os datos dela que figuran na súa base de datos e repasar a solicitude que a súa familia entregou na Comisaría para solicitar o desprazamento á casa. Non opón resistencia a que lle tomen a pegada dactilar para incluír no novo DNI, pero o seu estado mental impide que asine. "No pasa nasa, los DNI pueden ir sin firma", explican ao seu xenro.
Finalizado o trámite, explican a Javier que o chamarán por teléfono para avisalo cando está listo o documento. Ao igual que pasou cando foi a solicitar o desprazamento do equipo móbil, nesta ocasión tampouco terá que facer cola (é un servizo a maiores asociado a esta atención porta a porta). Acaba de pagar na casa os 10,50 euros de taxa de renovación, o mesmo importe que se paga se se acode en persoa á oficina, así que só terá que chegar e recollelo.
Mentres eles recollen, Javier valora o servizo como "fenomenal". El xa o coñecía porque tivera que solicitalo para a súa nai cando estivo ingresada nunha residencia en Ourense e valora que poidan ir á súa casa: "¿Cómo podría llevarla yo a ella? Es imposible, no puedo ni bajar las escaleras".
A familia de Josefa pediu a renovación a finais de outubro e dous meses e medio despois os funcionarios chegaron á súa casa. Pasaron máis semanas que a media de espera que teñen en Pontevedra, pero o prazo non se escapa do habitual, pois "nunca sabemos cuánto vamos a tardar, no hay una fecha, depende de la carga de trabajo, de dónde está la casa, de cómo nos quede con respecto a otros sitios que nos lo solicitan".
A taxa de renovación é a mesma que na oficina e non hai que facer colas nin para solicitar o desprazamento nin para recoller o novo documento
Antonio e Mercedes fan este traballo polas tardes, finalizado o seu horario de traballo habitual na oficina, e teñen que atender a toda a zona norte da provincia. Fan entre 16 e 20 renovacións ao mes, pero a cifra é moi variable porque tamén acoden a zonas moi illadas e "a veces necesitamos dos horas para hacer un DNI". Nunha ocasión tiveron que ir ata dúas veces a Marín á casa dunha rapaza con esquizofrenia porque a primeira non puideron nin achegarse a ela.
Nesta ocasión, o percorrido continúa por Marín, nunha casa da Laxe na que viven Manuel e a súa muller Eledina. El está en cadeira de rodas e ela non pode levalo á Comisaría porque tamén está enferma, non ten medio de transporte e os seus medios económicos asegura que "son moi poucos". A familiar máis próxima que teñen é unha sobriña que entregou os papeis para pedir o servizo.
Manuel pode asinar e non hai dificultade para tomalo a pegada dactilar, así que nesta casa o trámite é rápido. El non sabe como agradecer que o equipo móbil vaia á súa casa, "todo o que sexa comodidade é bo, eu non podo ir a ningún lado" e a súa muller, que descoñecía que existise este servizo ata hai uns meses, sorpréndese mesmo coa posibilidade de que "podo ir a recollelo a Marín", pois desprazarse a Pontevedra "para min é moi difícil".
O agradecemento desta parella emociona os dous funcionarios. E iso que están xa afeitos. Nunha ocasión, unha muller envioulles á Comisaría un polo en sinal de gratitude e noutra un usuario enviou un escrito aos seus superiores. Eles "hacemos nuestro trabajo, nada más", pero son consicentes de que o servizo é moi útil para moitas persoas.
A última parada da tarde, varias horas despois, é o sanatorio de Santa María de Pontevedra, onde renovarán o DNI a sete persoas de idade avanzada por solicitude da asistenta social. ÿ raro o día que saen co equipo móbil e non van a un centro de atención a maiores ou un hospital (nesta ocasión, tiñan previsto acudir ao Hospital Provincial, pero o paciente faleceu ese mesmo día). PontevedraViva non puido comprobar como se desenvolve o traballo en Santa María por orde expresa da Xerencia de prohibir a entrada á prensa.