'Contos de Inverno', a aposta da UVigo pola narración oral para adultos

Por Redacción

© Concello de Poio

© DUVI
Tres propostas centran unha nova edición de 'Contos de Inverno', un ciclo de contacontos para público adulto que forma parte da programación cultural da Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo (UVigo), coa colaboración do Concello de Pontevedra.
Esta terceira edición de 'Contos de Inverno' arranca este xoves 21 de setembro ás 20.30 horas na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9, Pontevedra) co espectáculo Murmuraban as miñas veciñas, de Dani Blanco. Xa en outubro, o xoves 19 Isabel Risco presentará o seu espectáculo Nabiza Girl. Pechará esta programación o xoves 9 de novembro Bea Campos con Marcho que teño que marchar.
Aberto a toda a cidadanía e con entrada libre ata completar a capacidade da sala, 'Contos de Inverno' busca poñer en valor a narración oral como parte do patrimonio inmaterial galego, como unha práctica que xogou un papel crucial na transmisión de tradicións, mitos ou lendas.
PROGRAMACIÓN E SINOPSE
Xoves 21 de setembro | 20.30 horas | Casa das Campás
Murmuraban as miñas veciñas
Espectáculo no que o pallaso e narrador Dani Blanco presenta as historias de "mulleres bravas que viviron a vida que querían vivir". Conformado por relatos que mesturan ficción e realidade, o punto de partida deste espectáculo son as historias de varias mulleres do Morrazo, que Blanco recolleu tamén no seu primeiro libro.
Xoves 19 de outubro | 20.30 horas | Casa das Campás
Nabiza Girl
Actriz, clown e pedagoga teatral, Isabel Risco presenta neste espectáculo a historia de Chelo García Naveira, "unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida".
Xoves 9 de novembro | 20.30 horas | Casa das Campás
Marcho que teño que marchar
A actriz, narradora e presentadora pontevedresa Bea Campos presenta o seu espectáculo como "unha divertida sesión de contos", pero tamén como "un espazo para a reflexión sobre os roles e a desigualdade de xénero", a través de "historias protagonizadas por mulleres que eran feministas sen sabelo".