Unha "honrada cidadá" entrega unha carteira perdida á Policía despois de usar fraudulentamente as tarxetas de crédito

Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio informou dun curioso suceso protagonizado por unha veciña.
Segundo explican fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, esta muller fixo entrega nas dependencias policiais dunha carteira perdida, alegando que fora atopada e que "honradamente" a entregaba aos axentes da lei.
Unha vez localizada a propietaria da carteira, ao ir recoller as súas pertenzas, esta alertou de que alguén pasara dúas veces a tarxeta de crédito por contías de 30 euros nun establecemento de Poio, presentando denuncia polo uso fraudulento da mesma.
Este establecemento dispón de cámaras de videovixilancia polo que que a Policía requiriu a gravación das imaxes do momento no que se fixeron os cargos coa tarxeta.
Sorprendentemente nestas imaxes identifícase claramente á mesma muller que 20 minutos máis tarde de usar as tarxetas furtas entregaba na comisaría a carteira supostamente perdida.
A Policía Local deu conta dos feitos ao xulgado por un presunto delito leve de furto e uso de tarxetas de forma fraudulenta.