Luz verde á licenza de construción para 27 vivendas unifamiliares en Boa Vista
Por Oskar Viéitez
A comisión de Urbanismo do Concello de Poio aprobará este martes a concesión de licenza para a construción dun conxunto residencial de 27 vivendas unifamiliares en Boa Vista, na parroquia de San Salvador.
O goberno local desatasca así, despois de varios meses, un proxecto de 11.000 metros cadrados con 27 vivendas adosadas e pareadas e zonas comúns.
A urbanización "Zoe33" situarase entre as rúas Illa de Ons e Illa de San Simón, no que os promotores cualifican como "a zona residencial máis exclusiva" da contorna, algo que segundo a concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, demostra que Poio é "un concello cada día máis atractivo para vivir e unha aposta segura para investir".
A edil garantiu o apoio do novo goberno a todas as iniciativas que supoñan "xerar emprego, mellorar a economía e traer novos veciños ao noso Concello".
Cochón destacou o traballo dos funcionarios municipais á hora de axilizar este proxecto, "fundamental para o desenvolvemento de Poio", que se atopaba bloqueado ao final do anterior mandato, e asegurou que o departamento que dirixe traballa para "paliar o grave atasco urbanístico deixado polo Tripartito" con "máis de 600 expedientes que o anterior goberno deixou sen resolver", concluíu.