O Ilustrísimo e o seu 'compinche' volven coincidir en prisión
Por Natalia Puga
O famoso caco xuvenil Alejandro P.C., O Ilustrísimo, e o seu 'compinche', J.LD.M, Maquieira, volveron coincidir no centro penitenario da Lama. Tras compartir delitos durante o verán, separáronse o 12 de setembro co ingreso do Ilustrísimo en prisión, pero once días máis tarde o seu compañeiro tamén era derivado á Lama, pero Maquieira quedou libre ás poucas semanas. O venres 24 de xaneiro volveron reunirse tras ser arrestado el por un roubo con forza nunha igrexa e un furto dun móbil, pasar a disposición xudicial e ser remitido ao cárcere.
Maquieira, de 26 anos e veciño de Pontevedra, pasara pola Comisaría e o Xulgado de Garda en varias ocasións dende que quedou en liberdade e en todas elas o deixaran saír á rúa. A última ocasión, antes do venres, na que rematara ante o xuíz foi o mércores 22 de xaneiro, cando foi detido por un furto, un roubo con forza e un requirimento xudicial pendente, pero quedou libre ás poucas horas.
O venres foi diferente. A Policía Nacional detívoo pola mañá como presunto autor dun roubo con forza e un furto. O primeiro dos delitos remontábase xa ao 27 de agosto pasado, pero non logrou establecerse a súa vinculación con este mozo con múltiples antecedentes ata agora. O roubo con forza é do 14 se xaneiro.
Un veciño de Pontevedra presentara denuncia polo furto de agosto relatando que estaba sentado nun banco da cidade, deixou pousado alí o seu teléfono móbil e, cando quixo usalo, decatouse de que llo substraeran. O aparato está valorado en 650 euros.
A denuncia polo roubo do 14 de xaneiro presentouna o encargado dunha igrexa da cidade. Ao parecer o presunto autor dos feitos forzou a porta lateral da capela, accedeu ao interior da igrexa e substraeu as moedas do altar e dun lampadario, chegando a fracturar un lampadario eléctrico valorado en máis de 1.000 euros e unha imaxe dun santo da capela á que lle causou danos.
A raíz das denuncias iniciáronse as investigacións para descubrir a identidade do presunto autor de ambos os dous delitos e concluíuse que era J.L.D.M. Unha vez identificado, os axentes localizáronlle sobre as 10.25 horas do venres 24 de xaneiro, detivérono e trasladárono á Comisaría. Ás poucas horas pasou ante o xuíz, o mesmo que o deixara en liberdade só dous días antes, pero nesta ocasión decretou o seu inmediato ingreso en prisión.