Poio dá a benvida aos bebés nacidos este verán no municipio

Por Redacción
Victoria, Aina, Daliamy, Guillermo, Édgar, Brais, Noa, Olalla, Iris, Mario e Blanca son os nenos e nenas que naceron desde o mes de xuño en Poio e aos que o alcalde Ángel Moldes fixo entrega da Caixa Benvida.
O acto celebrouse este sábado no salón de plenos coa participación das familias dos bebés nados este verán e do rexedor, que indicou que "un nacemento é sempre un motivo de ledicia e de orgullo para as familias, pero tamén para o noso concello, porque estes nacementos significan vida, crecemento e futuro.
Moldes fixo entrega un a un do pequeno agasallo onde se inclúen algúns productos para axudalos nesta nova viaxe e seguir impulsando desta forma medidas e servizos que "faciliten o camiño" e "facer de Poio un concello dinámico, de futuro e pensado para as familias".
Ángel Moldes recoñeceu que queren "un concello con oportunidades e con servizos de calidade" e puxo en valor que "somos un concello mozo, no que a metade da nosa poboación ten menos de 45 anos e case o 12% son menores de 12 anos. Por iso, sabemos que necesitades espazos, servizos, iniciativas e medidas de apoio para mellorar a vosa calidade de vida", concluíu.