Prorrogan a prisión a dous acusados do crime do Umia porque a proximidade do xuízo "incrementa o risco de fuga"
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu prorrogar a prisión provisional de dous dos catro acusados polo crime do Umia do 22 de xullo de 2010 aos cales en febreiro se cumpría o período máximo de dous anos de estanza preventiva no cárcere antes de ser xulgados. O xuízo con xurado por estes feitos está previsto para o 10 de marzo e esta proximidade da data da vista foi determinante na decisión do tribunal provincial.
Os dous acusados afectados son Jesús Piñeiro Mera 'Chicho' e Héctor Vázquez Liste. A súa situación de prisión revisouse en dúas sesións celebradas o martes 21 de xaneiro nas que a fiscal e a acusación particular solicitaron prorrogar a estanza en prisión e os dous avogados defensores, que os seus clientes quedasen en liberdade ata a celebración do xuízo. Tras escoitar a todas as partes e estudar o procedemento, a sala resolveu en dous autos dados a coñecer este martes, unha semana despois.
En ambos os dous coincide un argumento do tribunal, que a proximidade do xuízo "incrementa o risco de fuga" e "fai que o mantemento da situación de prisión cobre unha significación especial". Ademais, considera que a prórroga de prisión é "adecuada e proporcionada ás circunstancias do feito e ás persoais" de cada un deles porque "a gravidade dos feitos que se lle atribúen ao acusado (asasinato) e a importancia da pena para el solicitada (superior a 15 anos de prisión) están fóra de toda dúbida".
O tribunal cre que a medida de mantelos internos é "adecuada e proporcionada ás circunstancias do feito e ás persoais" de cada procesado
No caso de Héctor Vázquez eses riscos de que se fuxa "non quedan minimizados pola existencia dun eventual arraigamento social e familiar". En canto a Jesús Piñeiro, o tribunal engade que o riscos "non quedan minimizados coa adopción doutra medida preventiva na medida que o acusado carece de arraigamento familiar, social e laboral, mesmo, de domicilio fixo, pois viña residindo nunha caravana".
A vista relativa a Héctor Vázquez Liste celebrouse coa presenza do procesado (que se trasladou dende A Lama, onde está interno) e a porta pechada. O seu avogado, José Luis Gutiérrez Aranguren, apelou á "inexistencia de riesgo de fuga porque mi cliente es una persona que tiene arraigo social y familiar. No solo trabajaba, sino que además estudiaba, compaginaba las dos actividades y además con éxito".
Jesús Piñeiro non asistiu porque, no seu caso, non está no cárcere da Lama, senón no centro psiquiátrico de Conxo, en Santiago. O xuízo estaba previsto para o mes de outubro, pero tivo que suspenderse polo estado psicolóxico deste procesado. Jesús Piñeiro estaba entón en prisión provisional e un informe psicolóxico concluíu que "non se encontra capacitado para comparecer ao xuízo oral", de modo que por orde da Audiencia se lle someteu a unha serie de probas no Hospital Provincial. Finalmente, os forenses concluíron que si pode asistir ao xuízo, pero modificouse a súa situación e pasou de estar en prisión a un centro de internamento.
Tanto a Fiscalía coma a acusación particular solicitan para os catro procesados (os dous restantes son Adrián Ferro Couto e Borja Coucheiro Sanjurjo, aos cales xa se prorrogou a prisión provisional o pasado verán) unha condena a 20 anos de prisón como autores dun delito de asasinato ao considerar que os catro remataron coa vida de Enrique Monteagudo Caldas "de forma sorpresiva e sen que tivese oportunidade ningunha de defenderse". Golpeárono cun obxecto contundente e cortáronlle cun obxecto cortante e afiado no colo, supostamente todo por unha débeda vinculada co estraperlo de drogas.
Relacionadas:
-
Un dos acusados polo crime do Umia incrimina os demais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un tribunal popular xulga dende hoxe os catro acusados do crime do Umia
Por Redacción |
-
Revisan se dous acusados do crime do Umia seguen en prisión o mes e medio que falta para o xuízo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Aprazan o xuízo do crime do Umia porque un dos catro acusados "non se encontra capacitado"
Por Natalia Puga |
-
"Para nós, dende logo, a sentencia xa está feita, son culpables os catro do asasinato de meu irmán"
Por Natalia Puga |