Agustín Fernández acusa a Educación de crear "confusión" sobre o futuro do Carlos Oroza
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A reforma que, segundo a Consellería de Educación, vaise realizar no Centro de Formación Profesional Carlos Oroza non é máis que unha "inadmisible cerimonia de confusión". Así o describe o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, que sinalou que detrás do "potente" investimento anunciado pola Xunta no actual edificio de Príncipe Felipe, a única intención do goberno galego é "confundir como fixeron noutras ocasións".
Agustín Fernández asegurou que ese investimento é unha "entelequia", porque afirma que se está falando de cantidades ata superiores ao que custaría construír un novo edificio na parcela que o Concello de Pontevedra cedera á Xunta en Juan Carlos I. Trátase, recordou o edil socialista, dunha opción descartada por Educación alegando o excesivo custo económico que tería para as arcas autonómicas.
"ÿ unha cortina de fume", reiterou Fernández. "Con eses cartos poderíase facer un edificio novo e máis céntrico e non ampliar un centro que actualmente non cumpre cos estándares mínimos de accesibilidade e funcionalidade". O Carlos Oroza seguiu o paso, segundo o concelleiro pontevedrés, "sen explicación coherente", doutros compromisos como a ampliación de Montecelo, a construción do hospital de Monte Carrasco ou o colexio de Valdecorvos.
O edil de Educación recordou que o Carlos Oroza "é un centro moi importante para Pontevedra", polo que expresou a súa preocupación porque o feito de "furtar a Pontevedra este investimento" poida significar que a medio prazo a Xunta opte por trasladar estes módulos de formación a outras localidades. Neste sentido, citou expresamente o proxecto de Pousadas do Salnés da Deputación, xa que na Lanzada (O Grove) hai unha escola de hostelería.
Agustín Fernández insistiu en que con este conselleiro de Educación "xa chove sobre mollado", porque ademais á supresión do proxecto do Carlos Oroza e do colexio de Valdecorvos, súmase, dixo, o atraso que acumulan as obras do Froebel. Nelas, explicou, queda un millón de euros por investir "e nos orzamentos apenas hai 40.000". ÿ unha situación que "está provocando problemas" ao ter que convivir a actividade docente coas obras.
Por iso, o concelleiro socialista afirmou que o Concello de Pontevedra seguirá insistindo para que a Xunta dea marcha atrás e afronte a "máis que necesaria" construción dun novo edificio para o Carlos Oroza "algo que Feijóo leva prometendo desde o seu primeiro goberno". E en todo caso que se hai un proxecto para remodelar o edificio actual de Príncipe Felipe "que o amosen e nos digan de onde van sacar os cartos".
DESMENTIDO DE LOUZÁN
Entre críticas ao concelleiro de Deportes de Pontevedra, pola súa "ganas de enredar", o Presidente da Deputación, Rafael Louzán, desmentiu categoricamente que a escola de hostalaría Carlos Oroza se vaia trasladar ás instalacións da Pousada da Lanzada. "Non é posible, nin é lóxico, nin ten ningún sentido", dixo o mandatario provincial.
Louzán sinalou que el mesmo desaconsellou a idea de investir nun novo edificio en Pontevedra ao considerar máis oportuno ocupar as instalacións xa existentes na Cidade Infantil Príncipe Felipe.
Ademais de enumerar as obras de mellora acometidas pola Deputación no aparcadoiro e os accesos a este Centro de Hostalaría, Louzán anunciou que os servizos técnicos traballan en varias posibilidades de ampliación destas instalacións.
"Que estean tranquilos os alumnos que hai dúas administracións, a Xunta e a Deputación, que queremos facerlles posible que teñan unhas instalación realmente dignas e menos limitadas de espazo", e engadiu Louzán "non hai outra posibilidade de nada máis que de seguir na cidade de Pontevedra".
Relacionadas:
-
A Xunta lamenta que o Concello non valore o seu esforzo na mellora dos centros educativos
Por Redacción |
-
Xesús Vázquez asina un convenio con 76 centros para mellorar a calidade educativa
Por Oskar Viéitez |
-
O Carlos Oroza está en 'boa vila': dá de beber (e comer) a quen pasa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
As carencias do Carlos Oroza deixan fora, segundo o Concello, uns 700 estudantes
Por Redacción |