Unha oportunidade laboral para Silvia aos 39 anos: "Aprendín moito e ben"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Silvia Aldao tivo este luns a súa primeira oportunidade laboral. Con 39 anos, e usuaria da asociación Xoán XXIII desde hai longo tempo, esta incursión no mercado de traballo chegoulle na papelería Carlin de Pontevedra da man do proxecto 'Merca có 23', que busca demostrar as capacidades laborais das persoas con discapacidade intelectual.
Esta pontevedresa demostrounas, deixando un bo sabor do boca tanto para si mesma como para o seu 'empregador' durante un día, Pablo Conde, co propietario do negocio. Durante toda a mañá, realizou tarefas de reposición de produtos e apoiou no traballo habitual da tenda e todo o fixo "estupendamente".
Para Silvia foi unha oportunidade "moi importante". Así o explicou durante a mañá mentres repoñía material de papelería nos andeis do local de Carlin en Cruz Vermella e contaba que era a primeira vez que probaba unha experiencia laboral fóra da asociación, nun establecemento aberto ao público.
Descubriu que lle gustaba moito. Para este posto requírense varias capacidades que ela xa sabía que tiña e xeroulle gran satisfacción ver como as podía aplicar nun traballo, entre elas, o seu gusto pola orde. "Encántame colocar a cousas ben, encántame todo colocado ben", explica, en alusión a que no seu día a día xa é "moi ordenada".
Ademais, este traballo permitiulle relacionarse. "Gústame falar coa xente e dicirlle onde están as cousas", indica. E, en xeral, "aprendín moito e ben" e está "moi contenta" de poder probar nun comercio aínda que só fose por unha mañá.
Si traballou antes, pero en proxectos internos da asociación, axudando aos demais no centro de día, realizando tarefas de encadernación, facendo caixas e álbums de fotos ou elaborando fregonas, "un pouco de todo". Isto permitiulle dar un paso máis ao saír ao mercado laboral convencional, pois traballar é "importante".
Que Silvia Aldao confirmou as súas capacidades confírmao Pablo Conde, que considera que este proxecto é moi importante porque demostra que "por suposto" que unha persoa con discapacidade intelectual tamén pode traballar. Ela fíxoo "fenomenal".
En Carlin xa colaboraron no pasado coa asociación Xoán XXIII e quixeron sumarse a este proxecto 'Merca có 23', co que se busca concienciar á sociedade sobre as capacidades das persoas con discapacidade intelectual e mellorar así a súa calidade de vida persoal e familiar, á vez que lle dan confianza nas súas capacidades para ser tidas en conta no mundo laboral.
Este proxecto de sensibilización axuda a cambiar a visión do emprego das persoas con discapacidade, pois durante seis meses deste ano 2023, e coincidindo cos días 23 de cada mes, persoas con discapacidade participan activamente no desempeño de tarefas laborais xunto coas persoas traballadoras de comercios de Pontevedra, Moaña, Bueu e Cangas.
Relacionadas:
-
A Fundación Xoán XXIII encargarase do coidado do parque da natureza de Barosa
Por Redacción |
-
Na busca de familias acolledoras en Galicia
Por Redacción |
-
A Xunta concede á Fundación Juan XXIII o novo Programa Integrado de Emprego
Por Redacción |
-
A Fundación Xoán XXIII e a Asociación Virxe da O reciben máis de 50.000 euros da Deputación
Por Redacción |
-
Estes son os proxectos a os que 16 entidades pontevedresas do ámbito social adicarán as axudas da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
O novo centro da Fundación Juan XXIII, un "paso adiante" para a cidade
Por Redacción |
-
Unha xornada de convivencia para fomentar a diversidade e a inclusión entre os máis novos
Por Redacción |
-
Destacados DJ colaboran coa asociación Juan XXIII na súa Festa de Nadal
Por Redacción |