Laureano Oubiña leva a xuízo aos creadores da serie "Fariña"

Por Redacción
Un millón e medio de euros por danos morais. É a indemnización que o ex narcotraficante Laureano Oubiña reclama aos creadores da serie Fariña, que recreou o auxe dos clans da droga en Galicia durante as décadas dos anos 80 e 90.
Oubiña demandou ao produtora Bambú Producciones e ás cadeas que emitiron a serie, Atresmedia e Netflix, por varias das súas escenas nas que aparecía encarnado polo actor Carlos Blanco, ao entender que se atentou contra a súa honra e contra a súa propia imaxe.
Tras non chegar a un acordo no acto previo de conciliación, será o xulgado de instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa o que deba resolver este conflito.
O xuízo celebrarase este martes 21 de novembro, a partir das nove e media da mañá.
Entre as escenas que máis ofenderon ao histórico narcotraficante, segundo recolle a demanda presentada, estaría o inicio da serie na que o Laureano Oubiña de ficción aparece mantendo relacións sexuais coa súa segunda esposa, Esther Lago.
Ademais, nega, como se reflicte na serie, ter financiado campañas políticas en Galicia ou traficar con cocaína, limitándose a súa actividade ao contrabando de tabaco e ao haxix.
Oubiña sostén que esta serie ofrece unha visión distorsionada da súa persoa, ao incluír feitos "que non son certos" e que prexudican a súa imaxe pública ao ser unha "mera e basta invención".
Entre as testemuñas que pasarán polos xulgados de Vilagarcía estarán responsables das tres compañías demandadas ou o xornalista Nacho Carretero, autor do libro homónimo no que está baseada a serie e que foi todo un éxito de vendas.
Relacionadas:
-
"A súa honra póñena en perigo os seus propios actos", a resposta de 'Fariña' á demanda de Oubiña por "ridiculizalo"
Por Natalia Puga |
-
Laureano Oubiña: "no compensa estar en la cárcel ni un solo día"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Oubiña, molesto cunha escena da serie "Fariña" planteará accións legais
Por Oskar Viéitez |