PSOE e BNG deixan só ao Partido Popular no Pleno extraordinario para defender a Constitución

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
O Partido Popular aprobou en solitario no pleno da Deputación de Pontevedra unha moción en "defensa da Constitución Española, a igualdade dos españois e o respecto ao Estado de Dereito e a democracia".
Doce minutos durou esta sesión plenaria extraordinaria "a máis importante do ano" que unicamente contou coa intervención do portavoz do grupo popular, Jorge Cubela para defender a moción xustificando a súa urxencia no "rexeitamento formal, contundente e oportuno ao rexistro, debate e aprobación da proposición de Lei de Amnistía".
Para o grupo provincial do PP a ausencia dos deputados da oposición é "unha auténtica falta de respecto institucional", afirmou Jorge Cubela. Para o portavoz do PP, visto o que pasou hoxe no pleno, "quedou ben claro que estamos ante unha submisión completa a Pedro Sánchez".
O portavoz popular tamén reprochou que "ao BNG dálle igual que teñamos que asumir co noso diñeiro o prezo dos votos de Sánchez" que, segundo dixo, "son máis de 15.000 millóns de euros". "Non lles importa Galicia, pero a nós si", destacou Cubela.
Ao finalizar o pleno, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López tamén criticou as "escusas" do PSOE e do BNG para "non defender a Constitución é non defender a igualdade entre todos os españois" e engadiu, en referencia aos socialistas, que "eu entendo que é moi difícil de xustificar a amnistía e os pactos do sanchismo".
Luis López tamén razoou a convocatoria dun pleno extraordinario convocado unicamente para debater esta moción, asegurando que "este é un tema de máximo interese para todos os españois" e sinalou que "esta é unha cuestión que ten repercusión en España, en Galicia e en Pontevedra" polo que entende que "hai cuestións que non se poden deixar esperar no tempo", a pesar de que este venres terá lugar o pleno ordinario.
Os deputados do grupo socialista acudiron ao Pazo Provincial minutos antes do Pleno "homo franquista" para facer unha declaración ás portas da sede da Deputación de Pontevedra na que expresaron o seu "profundo rechazo" ante a "degradación institucional a la que el Partido Popular ha llevado a esta institución" utilizando o salón de plenos para "una algarada partidista" ou "un ejercicio de agitación que forma parte de la estrategia de ruido y crispación ordenada desde la sede nacional del PP".
O portavoz do PSOE, Carlos López Font leu esta declaración na que tamén afirmaban que "el PP ha caído extraordinariamente bajo al convocar este pleno en la efemérides del 20 de noviembre, en el aniversario de la muerte de Franco y de Primo de Rivera, en la fecha más simbólica de la dictadura" algo que consideran que "no puede ser casual". "Aguardemos de que por lo menos no le arranquen el escudo constitucional a la bandera de España en el Salón de Plenos".
Pola súa banda o portavoz do grupo do BNG na Deputación César Mosquera para explicar a ausencia na sesión plenaria manifestou que "acudir ao pleno extraordinario convocado polo PP para defender a Constitución e rexeitar a amnistía poríanos ao BNG na mesma tesitura que acudir ás concentracións que os populares fan nas rúas. E nós non imos facer vulto, nin facer a ola ao PP".
O nacionalista insistiu en que o PP está a utilizar a Deputación de Pontevedra "en beneficio da campaña aberta en Madrid, xunto con Vox, para desprestixiar o novo goberno e cuestionar a súa lexitimidade". Neste sentido, Mosquera subliñou que o PP ten todo o dereito a facer a campaña política que considere para defender a súa postura, pero criticou o uso da institución pontevedresa "cun partidismo clarísimo" e sen precedentes.
Para o voceiro do BNG a convocatoria do Pleno extraordinario e urxente non ten ningún tipo de xustificación, xa que, a maiores da "inconveniencia" do motivo para a súa celebración, haberá outro Pleno ordinario este venres e o contexto político estatal será exactamente o mesmo. Mosquera salientou que "a postura do BNG de non acudir ao Pleno, moi probablemente, rebaixou o éxito da convocatoria que querían os populares e baixou o ton dunha posible confrontación: o salón de plenos estaba practicamente baleiro, a excepción do persoal de gabinete, e sen ningunha bandeira de España como si houbo noutras localidades".
Relacionadas:
-
O Teatro Principal acollerá un acto de lembranza aos pontevedreses represaliados pola ditadura franquista
Por Redacción |
-
O PSOE denuncia a deriva "rancia" da Deputación por esixir traxe e gravata no acto do 25N
Por Redacción |
-
O PP convoca un pleno extraordinario da Deputación para votar unha moción en defensa da Constitución
Por Oskar Viéitez |
-
Centos de persoas capitaneadas por Vox rodean a sede do PSOE
Por Natalia Puga & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Multitudinaria manifestación contra a amnistía coa contorna da Peregrina colapsada
Por Natalia Puga & Cristina Saiz | Creada e actualizada