A APDR considera que algunhas propostas do plan de usos de Tambo contradin a protección ambiental da illa
Por Oskar Viéitez
A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), que fai parte da comisión de seguimento da illa de Tambo desde a súa constitución, vén defendendo a necesidade de dar prioridade a súa protección ambiental e entende que algunhas das propostas contempladas no plan de usos entran en contradición con este obxectivo.
Segundo explica Xosé Ríos, vocal de Poio da APDR , "consideramos fundamental continuar coa senda establecida colectivamente e formalizar a creación dunha ENIL, espazo natural de interese local, para Tambo".
O colectivo ecoloxista confía en que esta figura de protección "blinde esta xoia da nosa ría contra accións que degraden a súa maltratada singularidade", e "evitar así usos indebidos" que poidan entrar en colisión coas condicións impostas para a cesión da titularidade por parte do Ministerio de Defensa.
Na APDR están convencidos de que a declaración de Tambo como ENIL potenciará a illa coma un espazo natural único, posibilitará a recuperación dun ecosistema hoxe ocupado polo eucalipto ou a acacia, e "favorecerá o deleite, a observación e a aprendizaxe da natureza, deixando a acción humana nun segundo plano e, en todo caso, aprendendo dos usos tradicionais que a veciñanza de Combarro daba a Illa para sacar sustento alimentario da terra e do mar, sen alterar a súa conservación ambiental e paisaxística".
O voceiro da APDR, Xosé Ríos, di non entender os "titubeos" na comisión de seguimento, "que semella deixar nun segundo plano a creación da ENIL para potenciar un plan de usos" no que, ao entender destes ecoloxistas, "existen propostas, é o caso das instalacións hoteleiras, que entran en contradición con esta protección ambiental que reivindicamos e cos criterios establecidos no momento da cesión ao Concello".
Ademáis, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra sinala que a figura xurídica do ENIL obriga a tomar medidas de conservación e protección de hábitats naturais, "que a día de hoxe están ameazados, entre outras cousas pola contaminación procedente do emisario de ENCE".
A APDR sinala que este emisario está emprazado nas inmediacións da illa e "impide a aplicación dunha figura de protección de rango superior" e lembran que "a Xunta de Galicia debe dar a conformidade a esta ENIL e decidir sobre a súa conformidade ou rexeitalo e optar pola continuidade da degradación da nosa illa".
"Agardemos que, nesta ocasión, aposte pola defensa do interese común fronte á defensa dos intereses particulares dunhas poucas persoas", remata Xosé Ríos, vocal de Poio da APDR.
Relacionadas:
-
Demandan ao Concello de Poio que reclame á Xunta a consideración de BIC para a illa de Tambo
Por Redacción |
-
APDR reutiliza as lonas das súas pancartas para crear bolsas e mochilas nesta campaña de Nadal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Xunta realiza os primeiros traballos de limpeza arqueolóxica e documentación na Illa de Tambo
Por Oskar Viéitez |
-
Un estudo botánico duplica o número de especies coñecidas na illa de Tambo
Por Redacción |
-
O plan de usos de Tambo contempla un anfiteatro e a recuperación dos edificios para celebrar congresos
Por Oskar Viéitez |
-
'A Illa de Tambo na súa historia', un libro para facernos partícipes da súa cultura, lendas e tradicións
Por Redacción |
-
Catro mil persoas visitaron Tambo este verán de xuño a setembro
Por Redacción |
-
Rueda visita Tambo e ofrece ao Concello a colaboración da Xunta para a súa posta en valor
Por Redacción |