O Concello homenaxea aos fusilados o 12 de novembro
Por Oskar Viéitez
A Concellaría de Cultura retoma este ano o acto de homenaxe aos fusilados o 12 de novembro de 1936, na rúa que hoxe leva o nome Doce de novembro.
Cabe lembrar, que o pasado ano a Concellaría viuse na obriga de suspender este acto debido ás obras do AVE do Eixo Atlántico que por estas datas estaban a traballar no lugar, e retirárase provisionalmente o monolito que recorda aquela inxusta perda.
O acto estará presidido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores así como pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, departamento municipal que organiza esta homenaxe, unha vez que a zona xa está totalmente acondicionada, e o monolito volve a ocupar a súa lugar de orixe.
A Concellaría de Cultura quere lembrar aquel 12 de novembro no que o fusilamento destes dez homes "bos e xenerosos traduciuse na perda de moitos soños de prosperidade e liberdade, e deixou unha profunda sombra durante máis de 40 anos ao longo da vida política e social do noso país".
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro quere lembrar que "eles son un anaco dos centos de homes e mulleres que deixaron a vida na nosa cidade por defender a orde constitucional da República, e as aspiracións de autogoberno que asomaban nas mentes máis preclaras do país".
Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luís Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, José Adrio, Víctor Casas, Juan Rico e Ramiro Paz deixaron atrás familires, viúvas, fillos, amigos "sinalados socialmente durante anos polo seu vencello cos proscritos, que paradoxalmente, hoxe son sinónimo de liberdade, aloumiño da memoria e testemuñas da dignidade".
O Concello de Pontevedra quere reafirmar nesta data "a esperanza de que episodios coma este non se volvan repetir entre irmáns, pais, fillos. ÿ mostra do triunfo da razón e da liberdade na que poden e deben vivir os pobos".