Pontevedra Viva!

Manuel Lourenzo González

Nacido en Vilaboa, Pontevedra, no ano 1955. Licenciado en Pedagoxía e catedrático de Lingua Galega e Literatura, exerce actualmente como profesor no IES Torrente Ballester.

Como escritor, ten publicadas case unha trintena de obras de diversos xéneros. Entre elas, os libros de relatos Da esfinxe e Noites de papel, e as novelas O xardín das pedras flotantes e Atl. No ámbito da literatura xuvenil destacan Tanis I o Mocos, O que é a vida, Irmán do vento, Unha pantasma no colexio e Mundo Arb. No eido do teatro, é autor de Auto do Entroido e A música da noite. Participou na elaboración de libros para o ensino da lingua e a literatura e é autor de artigos e textos ensaísticos de carácter dispar. No ámbito das publicacións periódicas, son de citar as súas colaboracións na revista de humor "Retranca" entre os anos 2007 e 2010.

Recibiu diversos galardóns literarios, entre os que destacan os premios Merlín, O Barco de Vapor e Estornela na literatura infanto-xuvenil, e o Manuel García Barros, Café Dublín, Carvalho Calero, Xerais e Blanco Amor na de adultos. Algunhas das súas obras foron traducidas ao castelán.
Asemade, participou en numerosas empresas de carácter cultural, xa desde a dirección de entidades como a A.C. Maio Longo, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou o propio IES Torrente Ballester, xa como coordinador de actividades como a Semana da Educación ou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, xa como ponente en charlas e talleres sobre lingua e literatura.