A Xunta e o Concello de Cerdedo-Cotobade traballan para potenciar a colaboración contra os incendios
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, estudan vías de colaboración conra os incendios forestais de cara ao vindeiro verán.
Agustín Reguera, Jorge Cubela e o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, abordaron esa colaboración nunha reunión que solicitou o alcalde de cara ao inicio da tempada de verán e ao previsible aumento no risco de incendios en toda a comarca.
O alcalde solicitou información e colaboración por parte da Xunta de Galicia para "minimizar os riscos e estar preparados para a lacra dos incendios forestais que nos ameaza cada ano".
O delegado territorial asegurou que a protección e prevención dos espazos naturais é unha prioridade para o goberno autonómico e destacou a importancia de seguir traballando de forma coordinada con concellos na localización e extinción dos focos e tamén na prevención.
Así, avanzou que seguirán "traballando da man dos concellos, dos equipos de emerxencias e dos técnicos" e porán "todo da nosa parte para que todos os galegos e galegas poidan gozar dun verán tranquilo".
A prevención foi un dos temas principais do encontro, no que coincidiron na necesidade de manter as pistas forestais limpas e desbrozadas.