'Voilà la Femme' recupera a edición suspendida pola pandemia
Por Redacción
O vindeiro luns 11 de xaneiro inaugúrase no Ateneo Santa Cecilia de Marín a 27 edición da mostra 'Voilà la Femme', a cita que non se puido celebrar en 2020 debido á situación de confinamento derivada da pandemia da covid-19.
A exposición colectiva, integrada na súa totalidade por mulleres, está comisariada por Celeste Garrido, e coordinada por Belén Diz e Celeste Garrido.
Nesta edición a exposición incluirá obras de fotografía, ilustración, serigrafía, escultura, instalación e vídeo-creación.
A mostra permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro con obras de seis artistas: Beatriz Pérez Fernandes (Vigo), Uxía A. Pérez Lorenzo (A Coruña), Lucía Otero Carballa, Cristina Chiarroni (A Coruña), Ana Sánchez Garea (Boimorto) e Tamara Vázquez Perol (Santiago de Compostela).
Ana Sánchez Garea expón ilustracións baseadas en películas e realizadas combinando o branco e negro do lapis cunha selecta gama de cores, simbólicos e moi representativos.
Uxía Antonia Pérez Lorenzo traballa con madeira e látex, simulando colgaxos de pel con formas orgánicas combinadas con madeira. Traballa coa idea da frustración, da identidade e dos límites entre o propio e o alleo.
Lucía Otero Carballa traballa sobre o espazo físico e o fogar e xera series de fotografía en branco e negro que falan sobre o cotiá, centrado de maneira especial nos espazos propios do rural. Recrimina que o rural galego se vexa en ocasións denigrado e apela a recuperación da fotografía popular galega.
Tamara Vázquez traballa a partir da experiencia persoal de que a súa nai é unha traballadora da limpeza e fai unha reflexión arredor do emprego digno e ao feito de que a muller sexa en ocasións explotada, especialmente por grandes empresas, “traballando en negro” e renunciando aos dereitos de calquera traballador/a, sendo menosprezada.
Beatriz Pérez presenta un proxecto audiovisual que mostra un autorretrato a través da viaxe no tempo da memoria e os recordos, partindo das experiencias vitais propias.
Cristina Chiarroni expón esculturas de cerámica que lembran espazos cotiás que dialogan co corpo da artista, os cales interactúan coas pezas durante a consecución dun vídeo.
Relacionadas:
-
‘Voilà la femme’ celebrará o seu 25 aniversario con visitas guiadas e unha performance en vivo
Por Redacción |
-
25 artistas reflexionan sobre sexo, violencia, relacións e maternidade na mostra 'Voilà la Femme'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O Museo acolle unha mostra colectiva sobre a muller, a identidade e o xénero
Por Redacción |