Patio de butacas na avenida Montero Ríos para celebrar o Día Mundial do Teatro
Por Mónica Patxot & Redacción
A choiva presentouse momentaneamente no escenario de rúa que montou a Deputación de Pontevedra na avenida de Montero Ríos diante da entrada do Pazo Provincial. Finalmente, as nubes desapareceron e puido desenvolverse a actuación sen problemas. A presidenta Carmela Silva acudía a este evento organizado con motivo da celebración do Día do Teatro este sábado 27 de marzo.
O espectáculo ía dirixido a público familiar e podíase ver tanto presencialmente como a través de streaming na web da Deputación no apartado de 'A Depo inspira Teatro'. A compañía Galeatro ofrecía a montaxe 'Muiñada', con texto de Ana Carreira e dirixida por Davide González con interpretacións de Alba Bermúdez e Tone Martínez.
A historia narraba o encontro nun muíño de auga dos personaxes de Sabela e Xacobe, que comezan a debater con elementos tradicionais, música e xogo.
Durante este sábado, a actividade teatral programada pola Deputación desenvolverase na sede provincial do Casco Vello de Vigo, a partir das 12.00 horas, con transmisión tamén en liña. A compañía Inventi Teatro presenta 'A tropa do doutor Milagre'. Trátase dunha obra protagonizada pola actriz pontevedresa Bea Campos, Marcos Alonso e Paulo Medal. Esta montaxe ofrece improvisación, baile, comedia e maxia combinados con moita diversión.
Relacionadas:
-
Pontevedra reflexiona sobre o confinamento coa traxicomedia '32M2'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Acrobacias en roupa interior, proposta do Principal para animar a fin de semana
Por Redacción |
-
Un cento de persoas gozará da obra teatral 'Muiñada' no exterior do Pazo Provincial da Deputación
Por Redacción |
-
Dobre función de '32m2', traxicomedia sobre o confinamento, na Semana Santa pontevedresa
Por Redacción |