Patio de butacas na avenida Montero Ríos para celebrar o Día Mundial do Teatro

Pontevedra
27 de marzo 2021

A compañía Galeatro representaba ante a Deputación de Pontevedra a obra 'Muiñada'. Este sábado, Día do Teatro, a institución provincial programa 'A troupa do doutor Milagre', de Inventi Teatro coa participación da actriz pontevedresa Bea Campos ás 12.00 horas na sede provincial no Casco Vello de Vigo. Unha función que pode seguirse online

Representación de 'Muiñada', de Galeatro
Representación de 'Muiñada', de Galeatro / Mónica Patxot

A choiva presentouse momentaneamente no escenario de rúa que montou a Deputación de Pontevedra na avenida de Montero Ríos diante da entrada do Pazo Provincial. Finalmente, as nubes desapareceron e puido desenvolverse a actuación sen problemas. A presidenta Carmela Silva acudía a este evento organizado con motivo da celebración do Día do Teatro este sábado 27 de marzo.

O espectáculo ía dirixido a público familiar e podíase ver tanto presencialmente como a través de streaming na web da Deputación no apartado de 'A Depo inspira Teatro'. A compañía  Galeatro ofrecía a montaxe 'Muiñada', con texto de Ana Carreira e dirixida por Davide González con interpretacións de Alba Bermúdez e Tone Martínez. 

A historia narraba o encontro nun muíño de auga dos personaxes de Sabela e Xacobe, que comezan a debater con elementos tradicionais, música e xogo.

Durante este sábado, a actividade teatral programada pola Deputación desenvolverase na sede provincial do Casco Vello de Vigo, a partir das 12.00 horas, con transmisión tamén en liña. A compañía  Inventi Teatro presenta 'A tropa do doutor Milagre'. Trátase dunha obra protagonizada pola actriz pontevedresa Bea Campos, Marcos Alonso e Paulo Medal. Esta montaxe ofrece improvisación, baile, comedia e maxia combinados con moita diversión.