Pontevedra será o venres a capital do atletismo galego con máscara
Por Manu Otero
O atletismo nacional retoma a actividade en Pontevedra. O Club Atletismo Rías Baixas ten previsto organizar este venres nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva a primeira competición de ámbito estatal na que participarán un centenar de atletas procedentes, a maioría de Galicia, de diversos recunchos do país.
Para facer realidade a organización deste evento foi necesaria a aprobación dun estrito protocolo que non só limita a presenza de deportistas e público no recinto deportivo, senón que require unha serie de medidas de protección entre atletas "inauditas", declara o presidente do club organizador, Gonzalo Méndez.
A normativa de Sanidade en Galicia prohibe a celebración de probas de medio fondo na que os atletas corren en grupo, polo que só haberá probas individuais e nas que se compite por rúa. E ademais, os participantes deberán levar a máscara posta en todo momento, salvo á hora de competir. "Teñen que levala mesmo no quecemento", sostén un atónito Méndez.
O protocolo obriga tamén a ampliar o número de auxiliares para velar polo cumprimento das normas e o persoal alleo á competición limitarase só a adestradores e familiares dos menores participantes.
"Estas limitacións acompañarannos moito tempo pero é bo para fixar conceptos que permitan retomar a actividade física", declarou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, na presentación do evento.
No plano deportivo, Gonzalo Méndez afirmou que a deste venres será a primeira competición importante en España desde a declaración do estado de alarma. Trátase dunha festa que se celebra por quinto ano consecutivo e que, no 2021 coincidindo co Xacobeo e as festas da Peregrina, esperan dar un novo paso adiante.
Aínda así, a situación sanitaria e a falta de probas fixadas no calendario convenceu a moitos grandes atletas para achegarse a competir a Pontevedra co obxectivo de probar o seu estado de forma e mellorar as súas marcas. Tomarán a saída atletas da talla de Jean Marie Okutu, Saleta Fernández, Lida Parada, Mauro Triana, Sofía Negrete ou Arantxa Moreno, moitos deles medallistas en competicións internacionais e campións de España.
Un dos obstáculos que logrou superar a organización foi a participación dos menores de 16 anos. "A Xunta está a deixar fóra das competicións aos cadetes e se isto continúa corremos o risco de perder unha xeración de deportistas", alerta Méndez. Finalmente en Pontevedra competirán este venres corenta atletas de categoría cadete xunto aos xuvenís e absolutos.