A Maior Dor suspende a súa procesión do Mércores Santo pola choiva
Por Oskar Viéitez
Ás 21:00 horas deste Mércores Santo tería que saír desde a Basílica de Santa María a procesión da Santísima Virxe da Soidade e Xesús nazareno coa Cruz ao lombo. A choiva non o permitiu.
A Confraría da Nosa Nai da Maior Dor optou por suspender a procesión que ía percorrer as rúas: Amargura, Isabel II, Real, Praza de Curros Enríquez, Fernández Valverde, Michelena, Praza de España, Mestre Mateo e Avenida de Santa María.
A figura da Virxe estaba preparada pero quedou sen saír. Trátase dun imaxe de vestir de madeira policromada e autor anónimo de mediados do século XX. A talla, cun puñal cravado no peito, procesiona cun gran manto de veludo negro bordado con acibeche negro tradicional. No mesmo paso está o Nazareno coa Cruz ao lombo que tamén é unha imaxe de vestir de madeira policromada que representa a Xesús coroado con espino cando se dirixe ao Calvario arrastrando a cruz.
A Confraría da nosa Nai da Maior Dor e as Angustias e O noso Pai Xesús do Encontro é unha das de maior tradición na Semana Santa Pontevedresa.
A súa historia nace na década dos 50 do século pasado, aínda que nos anos 60 desaparece, ata que en 1984 rexorde e progresa ata a actualidade tanto no número de confrades como nos actos nos que participa.
No ano 1994 a confraría decide volver saír á rúa os Mércores Santos, en solitario, procesionando coa Virxe da Soidade e o Nazareno coa Cruz ao lombo. Ese mesmo ano incorpórase a imaxe de San Xoán ao paso procesional da nosa Nai da Maior Dor para acompañala na súa saída o Venres Santo.
No ano 2000, a confraría recuperou o paso da Santa Cea, un grupo escultórico do século XVII.
Desde este ano deixou de ser a única confraría pontevedresa integrada unicamente por mulleres, pasando a ser, como todas as demais, unha agrupación "sen distinción de xénero".
Relacionadas:
-
Suspenden a procesión do Domingo de Resurrección no peche dunha Semana Santa pasada por auga
Por Diego Espiño |
-
A choiva segue augando a Semana Santa de Pontevedra: Suspendida a Procesión do Traslado do Ecce Homo
Por Diego Espiño |
-
O Santo Enterro devolve certa normalidade á Semana Santa pontevedresa
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Suspenden a procesión dos Pasos deste Xoves Santo ante as inclemencias do tempo
Por Anxo Lourido & Diego Torrado |
-
Caída de valados e de lousas na rúa Virxe do Camiño pola borrasca
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Permanecerán as chuvias nas Rías Baixas durante a primeira semana de abril
Por Redacción |
-
A Confraría do Silencio acompaña ao Nazareno polas rúas da Boa Vila
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A choiva deixa a medias a procesión do Cristo das Tres Caídas
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Sol, asistencia masiva e tres peregrinos fans da procesión no Domingo de Ramos pontevedrés
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |