A taxa de criminalidade incrementouse nun 16,4% no primeiro trimestre na cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A taxa de criminalidade incrementouse nun 16,4% no primeiro trimestre na cidade de Pontevedra, segundo os datos avaliados na Xunta Provincial de Seguridade celebrada este luns na Subdelegación do Goberno.
Asistiron o subdelegado Abel Losada; o comisario xefe provincial, Juan José Díaz; o comisario de Vigo, Ramiro Gómez; o coronel da Garda Civil, Simón Venzal, e o capitán do Subsector de Tráfico, Antonio Pérez Piteira.
O primeiro trimestre do ano trouxo un comportamento irregular da criminalidade que se reflicte nas estatísticas provinciais.
Así, mentres no ámbito urbano, competencia da Policía Nacional, as cifras subiron un 5,8% no conxunto da provincia; no ámbito rural, é dicir na zona da Garda Civil, produciuse un descenso dun 0,5%.
O subdelegado contextualizou este primeiro trimestre, "que case sempre é o peor do ano", coa "foto real" da provincia, que ten unha taxa de criminalidade de 36 delitos por cada mil habitantes, mentres que no conxunto de España está nun 51 por mil, "polo que podemos dicir que vivimos nunha provincia moi segura".
"Porén, somos inconformistas e queremos estar moi espertos para actuar sobre calquera sinal de alerta", engadiu.
Na cidade de Pontevedra a criminalidade creceu un 16,4% no primeiro trimestre do ano, pois pasou de 710 delitos a 827.
Durante a xuntanza, o comisario xefe explicou o informe elaborado pola Comisaría sobre a colocación de bolardos e outros obstáculos no centro da cidade que dificultan o paso dos vehículos patrulla e manifestou que estas dificultades non existen no resto das cidades e vilas da provincia.
O subdelegado deu conta do seu "respecto total" polas competencias urbanísticas do Concello de Pontevedra, pero tamén reiterou o seu apoio á Policía Nacional, "que fixo un informe técnico falando de cuestións operativas na prestación dun servizo tan básico para a cidadanía como é a seguridade".
No ámbito da Comisaría de Marín o repunte no primeiro trimestre é dun 39,1% pasando de 115 a 160 delitos.
"Tanto en Pontevedra como en Marín hai signos claros de que abril está resultando moito máis tranquilo" indicou o subdelegado, despois de que o número de detidos neste primeiro trimestre teña subido un 30,5% na capital da provincia e nun 62,5% na localidade marinense.
Mellores novas chegan dende a Comisaría de Vilagarcía, onde a delincuencia descendeu un 13,2% no primeiro trimestre do ano, rebaixando o número de delitos dende os 499 aos 433, unha baixada que foi cualificada como “espectacular” por Abel Losada. Tamén en Vilagarcía, abril estase comportando en moi boa dirección.
O outro dato positivo durante a sesión da Xunta Provincial de Seguridade achégao a Garda Civil, pois na súa demarcación o descenso é dun 0,5% no primeiro trimestre do ano. A este respecto, Abel Losada recordou que hai unha clara liña de estabilidade con respecto aos últimos anos.
O último apartado abordado na Xunta Provincial de Seguridade foi a accidentalidade nas estradas neste primeiro trimestre. Rexistráronse un total de 8 persoas falecidas (unha máis que no mesmo período do pasado ano). Volve preocupar o número de usuarios vulnerables, pois das 8 persoas, 3 eran motoristas e 2 eran peóns.
O subdelegado anunciou que a próxima campaña de seguridade da Dirección Xeral de Tráfico vai incidir directamente sobre os motoristas.
Ademais, lanzou unha mensaxe de produdencia ás persoas que camiñan polas estradas, pois unha das dúas vítimas atropeladas neste trimestre camiñaba de madrugada pola N-640 en Agolada vestida con roupa escura e a outra cruzou a autovía VG-20.