Protección Civil inicia unha nova etapa en Vilaboa como agrupación propia
Por Redacción
Dezaoito persoas, das que o 40% son mulleres, participan na nova etapa da agrupación de Protección Civil de Vilaboa, que iniciou unha andaina propia da man do Concello de Vilaboa tras a disolución da antiga agrupación de Soutomaior na que estaba integrada.
Carlos Bas é o presidente da nova agrupación, que conta cunha xunta directiva integrada tamén por José Ramón Portela Rial, como vicepresidente; Alba Rodríguez, como secretaria; Ana Carro como tesorera e Ismael Portela e Rubén Acuña como vocais.
O Concello adaptou un antigo almacén no Toural, que xa fora sede de Protección Civil, para convertelo na sede e recuperouse o material municipal que utilizaban en Soutomaior.
Con eses mimbres empezaron a traballar. "Aquí non hai salarios pero hai moita ilusión e ganas de aportar", explica Bas, quen recorda que a maior parte das persoas voluntarias traballan no sector sanitario e das emerxencias o que lles permite esta colaboración social de xeito altruista.
A recente celebración da Festa do Mar foi o punto de arranque desta nova agrupación, que traballará de xeito coordinado co Concello na organización de eventos, na atención das emerxencias locais e das incidencias que así o requiran.
O inicio da súa actividade coincide ademais co despertar das velutinas e iso tenos atendendo chamadas diariamente. "Estes días estamos a tope", recoñecen os seus responsables.
A axenda da agrupación está repleta, xa que ademáis das incidencias cotidianas, teñen prevista a colaboración con concellos limítrofes como o de Cerdedo-Cotobade, o de Arbo ou o de Ponteareas, para colaborar na organización das súas festas.
"Estamos satisfeitos de que o Concello entendese a necesidade de ter Protección Civil propia e habilitase partida no orzamento para cubrir os gastos de material", sostén Carlos Bas, que engade que a súa presenza "supón un plus de seguridade para a veciñanza".