Un curso da UNED Pontevedra formará expertos en desafíos éticos sobre o uso da Intelixencia Artificial
Por Redacción
O Centro Asociado da UNED en Pontevedra iniciará o 3 de maior con duración ata o 15 de xuño un curso de experto en desafíos éticos, sociais e legais do uso de Big Data e Intelixencia Artificial na Era Dixital.
Este curso oriéntase especialmente a profesionais autónomos, traballadores do sector público e privado, persoal académico e administrativo, xestores e público interesado en formarse de maneira especializada sobre aqueles desafíos éticos, sociais e legais que se xeran ao redor da dixitalización na sociedade actual.
Joaquín Sarrión Esteve, profesor Titular de Dereito Constitucional e Catedrático Jean Monnet na UNED, será o encargado de dirixir o curso, coordinado por Rafael Cotelo Pazos, responsable do Departamento de Extensión Universitario e Actividades Culturais da UNED en Pontevedra.
Ademais de Joaquín Sarrión intervirán outros relatores como Amalia Balaguer Pérez, profesora axudante Doutora en Dereito Constitucional da UNED; Cristina Belloch Doménech, profesora titular de Socioloxía da Universidade de Valencia; Blanca Cid Villagrasa, letrada da Asemblea de Madrid, profesora asociada da UNED en Dereito Constitucional e Pedro J. Pérez Zafrilla, profesor titular de Filosofía da Universidade de Valencia.
Durante o curso ofreceranse contidos sobre a adquisición de coñecementos especializados e capacidades relativas ao uso de datos e de Intelixencia Artificial tanto no sector público como no privado. Tamén se axudará a comprender as cuestións éticas e o réxime xurídico aplicable ao uso e tratamento de datos e de sistemas de Intelixencia Artificial con coñecemento do Dereito europeo da ciencia e a tecnoloxía; e o Dereito europeo de datos.
As sesións do curso serán en liña en directo ou en diferido os venres e sábados, de 17.00 a 20.00 horas. Terán unha duración total de 30 horas lectivas, que dan dereito a obter 1,5 créditos ECTS (en trámite).
A actividade pertence ao ciclo Investigación, Gobernanza e Regulación na Era Dixital, no marco dos proxectos da Cátedra Jean Monnet Gobernanza e Regulación na era Dixital.