Queixas polo deterioro da principal vía de acceso ao Porto Deportivo de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A agrupación socialista de Sanxenxo denuncia o "total estado de abandono" no que se encontra a rúa Castelao, unha das principais vías de acceso ao Porto Deportivo que se encontra entre Vidal Rocha e Luis Rocafort, a escasos metros do Paseo de Silgar.
Segundo acusan, "o deterioro de asfalto e beirarrúas demostra a desidia que impera no goberno municipal de Telmo Martín, únicamente preocupado polos investimentos na fachada de Sanxenxo".
Para Fernando Otero, portavoz municipal e secretario xeral dos socialistas de Sanxenxo, a situación desta rúa é "terceiromundista".
Os socislistas afirman que esta rúa, "ademáis de non ofrecer as condicións mínimas de accesibilidade", presenta o firme cun "avanzado estado de deterioro perigoso para a circulación rodada e as losetas das beirarrúas amosan irregularidades, diferentes alturas e nula unidade estética".
Con esta queixa a agrupación socialista di que está a facerse eco así das reivindicacións das persoas residentes neste entorno. "Manter esta rúa neste estado é vengoñento tanto para un alcalde que presume dun modelo turístico exclusivo como para un goberno que traballe co obxectivo de garantir un servizos mínimos de calidade para os seus cidadáns", apuntan desde a agrupación socialista, que esixe a Telmo Martín "e ao grupo de concelleiros asalariados que conforman o grupo de goberno" que "revise o estado xeral da rede viaria do municipio, con especial atención á rúa Castelao".