O dobre de fondos para actividades das asociacións de nais e pais de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade duplicará a cantidade que destina anualmente ás asociacións de Nais e Pais dos centros educativos do municipio. Para este exercicio sumarán un total de 7.000 euros.
Segundo a información facilitada polo Concello, esta cantidade irá destinada aos colexios de Infantil e Primaria de Carballedo, Tenorio e Cerdedo e ao IES Cotobade.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explicou que estes fondos serán destinados a actividades de dinamización extraescolar dos respectivos centros educativos.
O criterio escollido polo equipo de goberno para facerlles chegar as axudas ás ANPAs contempla unha parte fixa, 1.000 euros, por asociación, e outra varible en función do número de alumnos de cada centro educativo. No caso do IES Cotobade, ao non ser de titularidade municipal, o Concello manterá unha axuda de 1.000 euros que será encauzada a través dunha actividade de carácter cultural que contará co apoio e financiamento municipal.
Cubela mantivo contactos e xuntanzas previas con estes colectivos para coñecer o seu parecer e para establecer unha vía de comunicación directa co fin de poder intercambiar puntos de vista sobre as distintas actividades que se teñen pensado poñer en marcha este ano.
O alcalde considera "indispensable" o labor que desenvolven as ANPAs dentro da comunidade escolar para favorecer o desenrolo harmónico de actividades extraescolares de dinamización entre a mocidade e salientou "o esforzo, a dedicación e a importancia que na formación dos cativos ten a participación directa dos pais e nais no proceso educativo dos nenos e nenas".