Xa está aquí a esperada reforma do parque do Cavadelo e a construción do novo skate de Vilagarcía
Por Redacción
Este luns, 13 de maio, será a data elixida para o inicio da esperada reforma do parque do Cavadelo e a construción do novo skate de Vilagarcía.
O Concello recoñece que todo chega "con certo atraso sobre as datas inicialmente previstas", pero asegura que o fai coa "total garantía" de que a estrutura do parking soportará a actuación proxectada.
Os operarios da empresa adxudicataria, Prace Servicios y Obras, comezan o luns a desmontar a pérgola e os equipamentos existentes no parque co obxectivo de despexar a zona sobre a que se desenvolverá o proxecto que transformará por completo este céntrico espazo público de Vilagarcía.
O Concello inviste 373.155 euros na actuación que se financia cunha achega do Plan Concellos da Deputación e con fondos municipais.
A intervención adaptará o parque á estética e aos requirimentos do século XXI, converténdoo nunha gran área de encontro e convivencia entre os deportes urbanos e a cidadanía. Inclúe instalacións perfectamente equipadas e seguras destinadas á práctica de disciplinas como o skate, o parkour, o break dance e o BMX. Ademais, manterase unha cancha de baloncesto e, por petición veciñal, habilitarse outra de fútbol.
O proxecto dará maior presenza ás zonas verdes e aos espazos de recreo para que a cidadanía poida gozar delas á vez que achegarse a coñecer estes deportes. Para evitar o que sucede actualmente -que os peóns bordeen o parque para chegar á zona do Centenario- crearanse corredores que animen a pasar e a permanecer tamén no Cavadelo.
A reforma do parque do Cavadelo pospúxose cando estaba a piques de iniciarse co obxectivo de certificar que a intervención a realizar non afectaría á cuberta do aparcamento soterrado -sobre a que se empraza o parque- e que a estrutura deste soportaría o peso dos elementos de formigón que se van introducir no skate. Os informes técnicos son favorables e, por conseguinte, a obra pode comezar con todas as garantías.
Con esta actuación o goberno de Vilagarcía cumpre dous obxectivos, renovar un parque que se atopa moi degradado polo uso e o paso do tempo, e atender unha demanda dos usuarios das instalacións deportivas, con cuxa opinión se contou á hora de deseñar o proxecto do novo skate park.