Viños Rías Baixas e música para celebrar o Día das Denominacións de Orixe
Por Oskar Viéitez
A Denominación de Orixe Rías Baixas volveu sumarse á festa do viño e fíxoo na pontevedresa Praza da Pedreira coa música do grupo Eladio e os seres queridos en formato acústico.
O presidente do Consello Regulador, Isidoro Serantes, encabezou un brinde colectivo para celebrar o impacto positivo das Denominacións de Orixe como a de Rías Baixas, así como a importante contribución destas á cohesión social dos seus territorios.
Os participantes desta celebración, que durou unha hora e media, tiveron a oportunidade de degustar de forma gratuíta máis de 25 marcas da D.O. Rías Baixas.
Isidoro Serantes destacou que as Denominacións de Orixe "dan vida aos nosos pobos e ás súas xentes. Sen elas non seriamos o que somos".
A D.O. Rías Baixas está conformada por 179 adegas e máis de 5.000 viticultores así como unha multitude de empresas locais coas que directa ou indirectamente traballa este sector que abarca a 35 municipios galegos.
Neste brinde colectivo Día do Viño de Denominacións de Orixe participaron 35 denominacións de orixe de viño de 14 comunidades autónomas, unha acción de carácter festivo e reivindicativo promovida pola Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV).