Afectados pola A-57 sementan de cruces o percorrido da Subida a Pontevedra
Por Oskar Viéitez
"Inútil", "innecesaria", "derroche" son algunhas das mensaxes que a plataforma "Salvemos A Fracha" repartiu ao longo do percorrido da Subida a Pontevedra a través de pancartas e cruces de madeira.
Este colectivo conformado maioritariamente por veciños do lugar de Pintos, en Marcón, son moi críticos coa autovía A-57 que promove Fomento, a coñecida como circunvalación de Pontevedra, polo grande impacto que ao seu xuízo xerará esta infraestrutura no patrimonio cultural, natural e social.
Este tramo de 6,5 quilómetros supoñerá un desembolso superior aos 80 millóns de euros e esa é outra das razóns esgrimidas por este colectivo que considera que este é un investimento innecesario en tempos de crise, xa que existen outras alternativas como a rolda urbana e a posibilidade de liberar de peaxe a autoestrada AP-9 entre Pontevedra e Vigo.
Este luns na Galería Sargadelos, rúa da Oliva, a plataforma veciñal presentarase ante os medios como colectivo e expoñerá as súas liñas de traballo e os fundamentos da súa oposición ao proxecto da autovía A-57, do que pide a súa retirada.
O enxeñeiro que redactou as alegacións presentadas ante o Ministerio de Fomento dará explicacións técnicas sobre o proxecto que fundamentan a oposición veciñal a esta e o voceiro da plataforma dará a coñecer as últimas novidades, as accións realizadas dende a súa constitución e o calendario de mobilizacións previsto.
Relacionadas:
-
Veciños das parroquias e colectivos sociais abarrotan a asemblea informativa contra a A-57
Por Redacción |
-
O alcalde de Ponte Caldelas ve con preocupación as críticas de 'Salvemos a Fracha' á A-57
Por Redacción |
-
A Mancomunidade de Montes de Pontevedra súmase á oposición á futura A-57
Por Redacción |
-
'Salvemos a Fracha' fai unha chamada aos veciños de Pontevedra e Vilaboa para frear o proxecto da A-57
Por Redacción |
-
A Sociedade Galega de Historia Natural solicita que se desbote o proxecto "innecesario" da A-57
Por Redacción |
-
Afectados de Marcón presentan alegacións contra o proxecto da circunvalación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |