VÍDEO.- Levan ao xulgado unha denuncia falsa por violación: "Quero que sexan castigadas. Xustiza"
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño
A indignación das veciñas de Monte Porreiro Raquel Diaz e María Antonia Portela crece por momentos. Tras darse a coñecer que diversos xulgados arquivaron as causas abertas contra os seus fillos de 20, 22 e 16 anos por agresión sexual, ameazas e violación de morada a unha menor de Marcón, este luns acudiron ao Xulgado de Garda para denunciar á moza e á súa nai por denuncia falsa e reclamar "xustiza".
"Quero que sexan castigadas polos feitos e quero danos e prexuízos. Xustiza", reclama na súa denuncia un dos fillos de María Antonia, que é maior de idade e pode actuar en por si. En total, presentáronse tres denuncias, unha por cada un dos mozos acusados en falso, dous deles detidos varias veces por estes feitos. O fillo de Raquel é menor, de modo que a súa presentouna a súa nai e reclama "o que dite a lei segundo este caso" e, se cabe, "danos, prexuízos e castigo polos feitos. E indemnizacións".
Nas súas denuncias relatan que o fillo de Raquel foi denunciado por agresión sexual e os dous de Antonia tamén por ameazas e violación e que se tratou dunha "acusación falsa grave con todo o que carrexa". Detallan, así, que sufriron insultos e vexacións, acoso nas rúas e danos a nivel psicolóxico e que pasaron momentos duros e un calvario e cren que as responsables deben ser condenadas.
Tras presentar a denuncia no Xulgado de Garda, entrevistáronse cunha fiscal que leva o seu caso. O Xulgado de Instrución número 2, que tramitou a causa por violación de morada, considerou acreditada a "non produción do delito investigado" e no seu auto de arquivo acordou expedir testemuño e remitir o caso á Fiscalía para que decida se procede "actuar contra a denunciante -nai da moza- ou a menor en relación coa denuncia presentada". Con todo, a fiscal coa que falaron trasladoulles que non actuarán porque non se puido probar que houbese mala intención na súa forma de actuar.
Tras coñecer esta postura da Fiscalía, as dúas nais queixáronse de que "isto non ten nin pés nin cabeza". "Esa persoa queda impune. Agora calquera pode denunciar unha violación a calquera que se lle poña por diante", criticaron ás portas dos xulgados da Parda, medorentas mesmo de que a denuncia presentada no Xulgado de Garda quede en nada: "a ver se non a collen e a rompen e á papeleira".
"E os danos dos nenos? e os danos da familia? e os danos morais?", pregúntanse, tras afirmar que "hai papeis e probas suficientes de que a nena nunca foi violada". As súas familias, segundo anuncian, van seguir "adiante ata o final" porque "estas cousas non poden quedar impunes" e "a xustiza agora mesmo non nos está amparando".
Relacionadas:
-
Malestar pola "baixa" condena por unha denuncia falsa de violación: "Non quero o diñeiro, pero quero o castigo"
Por Natalia Puga |
-
Condenada a 12 meses nun centro de día por unha denuncia falsa de violación contra tres mozos de Monte Porreiro
Por Natalia Puga |
-
Unha nai e unha filla, xulgadas por unha denuncia falsa de violación contra tres mozos de Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Do 'donjuán' estafador ao heroe reincidente, un ano de sucesos
Por Natalia Puga |
-
Vítimas dunha denuncia falsa e, agora, foco de pintadas como "violadores"
Por Natalia Puga |
-
Estudan accións legais contra a menor que denunciou por violación a tres mozos de Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- O xulgado exculpa tres mozos de Monte Porreiro acusados en falso de violar unha menor
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |