Maica Larriba insta aos concellos a sumarse ao sistema de seguimento e vixilancia dos casos de violencia de xénero
Por Redacción
A subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, remitiu un escrito aos alcaldes de toda a provincia instándoos a sumarse ao sistema Viogen, un sistema de seguimiento integral nos casos de violencia de xénero, para que as policías locais poidan estar coordinadas cos corpos e forzas de seguridade do Estado.
Larriba recorda no escrito que coa promulgación do decreto lei de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, os concellos teñen engadido as súas competencias a loita contra esta lacra social, "polo que como subdelegada recoméndolles a incorporación" ao sistema Viogen.
O sistema Viogen foi creado en 2007 pola secretaría de Estado de Seguridade, dependente do Ministerio do Interior, co fin de establecer unha tupida rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos, en calquera parte do territorio nacional.
Deste xeito Viogen o que fai é aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero (Goberno, forzas de seguridade, comunidades autónomas e concellos), integra toda a información de interese, fai unha predición do risco de cada caso de seguimento e permite realizar un seguimento e protección ás vítimas en todo o territorio nacional. Incluso alerta de situación de risco para as vítimas nunha localización concreta cando o agresor abandona a institución penal, entre outros aspectos.
Segundo recorda a subdelegada, na nosa provincia son 11 os concellos integrados en Viogen (Bueu, Caldas, O Grove, Marín, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía). Amais subliña que os concellos que estén integrados neste sistema de seguimento poderán optar a un maior volume de axudas para desenvolver políticas contra a violencia de xénero.
Por último, a subdelegada considera necesaria a implicación de todas as administracións na loita e na prevención de posibles casos de violencia polo que cree que os concellos que dispoñan de policías locais poden colaborar tamén no seguimento das mulleres e dos seus fillos para garantir a súa seguridade.
Relacionadas:
-
Marín renova a colaboración entre as policías Nacional e Local para a protección de vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
Seis meses de prisión para un cangués que entrou pola xanela á casa da súa muller para agredila
Por Oskar Viéitez |
-
A provincia de Pontevedra ten activos 1.044 casos de violencia de xénero
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |
-
Obxectivo: Feira Franca sen acoso e incidentes
Por Redacción |
-
Un detido por intento de agresión sexual a unha moza na zona de acampada do Armadiña Rock
Por Natalia Puga |