A AECC de Pontevedra supera as 1.500 intervencións desde o inicio da corentena
Por Redacción
A delegación de Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro levou a cabo un total de 1.512 intervencións en toda a provincia desde que se decretou o estado de alarma. O equipo de profesionais e os voluntarios da oenegué prestou principalmente apoio social, psicolóxico e logopédico a pacientes oncolóxicos e ás súas familias co obxectivo de paliar os efectos psicosociais provocados polo cancro e a pandemia.
As familias que teñen a algún dos seus membros con cancro non son alleas para os efectos da crise sanitaria e económica. En moitos casos, a súa situación vese agravada por despedimentos polo que a AECC, ademais de achegar asesoramento xurídico e laboral, ofrece tamén axudas económicas para sufragar gastos de manutención e material ortopédico.
Ademais, a asociación pontevedresa ampliou os seus servizos de apoio emocional máis aló do ámbito oncolóxico e os profesionais completaron un total de 173 intervencións entre as que se atopan persoas afectads polo COVID-19, familiares que sufriron unha perda dun ser querido e profesionais de servizos esenciais.
A asociación pontevedresa mantén activos todas as súas canles telemáticas e dixitais para seguir ofrecendo este apoio e acompañamento a todas as persoas que o necesiten. Poden contactar coa AECC Pontevedra a través do teléfono gratuíto Infocáncer, 900.100.036, 24 horas, os 365 días do ano ou das redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram).