Malestar pola "baixa" condena por unha denuncia falsa de violación en Monte Porreiro: "Non quero o diñeiro, pero quero o castigo"
Por Natalia Puga
Malestar entre as vítimas pola sentenza contra unha menor de Marcón como autora de dous delitos de denuncia falsa por presentar, xunto á súa nai, varias denuncias falsas por violación, ameazas e violación de morada contra tres veciños de Monte Porreiro de 16, 20 e 22 anos. A condena implica a súa asistencia a un centro de día durante 12 meses e o pago de diversas indemnizacións e a nai de dous dos mozos afectados cre que é "baixa".
María Antonia Portela considera que esta condena, que xa é firme, implica que "o xuízo saíu case a favor dela" porque a indemnización "non é xusta" e non lles resarce do "dano que nos causaron", pero, sobre todo, porque, en realidade, apenas supón un cambio para a vida da menor, pois "xa estaba nun centro, estaba a vivir en Príncipe Felipe, non lle meten ningunha condena".
A sentenza provocou "rabia" nos seus fillos e tamén en María Antonia, que, xunto con Raquel Diaz, nai do outro menor denunciado en falso, leva case tres anos denunciando a situación e que os seus fillos foron vítimas dunha denuncia falsa que lles causou "moito dano".
"Non quero o diñeiro, pero quero o castigo, que nolo fixo a nós, pero mañá pódello facer a outra persoa", critica esta nai de Monte Porreiro, que engade que o dano causado xa non se poderá reparar, pero "o que a nós nos valía era o castigo e nin iso".
O fallo xudicial implica o pago de diversas indemnizacións aos mozos aos que denunciou, 1.200 euros a un, 700 a outros e 600 ao menor. Estes pagos deberán facelo, no seu nome, os seus pais, pero, segundo denuncian as vítimas, ese diñeiro nunca o van a recibir, pois "son insolventes". En todo caso, insiste en que a súa non é unha reivindicación económica, "non é polo diñeiro, é polo que estivemos a pasar".
A resolución xudicial non ten opción a recurso, pero esta familia de Monte Porreiro xa adianta que van seguir " movéndonos" porque "non nos parece que sexa unha sentenza xusta". Unha vez que se terminen as restricións de desprazamentos do estado de alarma, non descartan facer unha concentración na porta do xulgado.
Entre outras cuestións, discrepan coa sentenza en que tan só condena á menor, pero non á súa nai, cando María Antonia sostén que, en canto a súa filla lle dixo que a violaran, levouna ao médico e a conclusión do exame foi que non se produciu tal agresión, pero, a pesar de todo, denunciou aos tres mozos.
"Fíxoo con maldade", sostén María Antonia, que tampouco está de acordo con que se aplique á menor unha circunstancia atenuante porque presenta un atraso mental leve e un patrón desadaptativo de personalidade que lle provoca unha afectación parcial da capacidade volitiva, pois está segura de que "sabía moi ben o que estaba a facer cando creou contas falsas de Instagram e fixo que eran do meu fillo".
Así, lembra que "se escondeu no baño da Comisaría para publicar e fixo chamadas falsas desde o móbil da nai" e atribuíulle aos seus fillos unha violación e a un deles tamén ameazas e violación de morada e cre que a nai estaba ao tanto de todo.
Dado que esta muller non foi condenada, cre que, unha vez que a súa filla recoñeceu que se inventou os delitos, "debería, polo menos, pedir perdón publicamente", pois, para engadir maior dor, a nai mudouse recentemente a un edificio próximo ao de María Antonia e os seus fillos e "teño que verlle a cara todos os días".
Esta moza sentou no banco dos acusados do Xulgado de Menores de Pontevedra o ano pasado xunto á súa nai (como responsable civil subsidiaria) por presentar varias denuncias falsas. Todas as denuncias foron arquivadas por diversos xulgados e a moza chegou a recoñecer finalmente que non sucedera nada, pero o caso chegou a xuízo porque as familias dos mozos denunciaron a nai e filla.
A sentenza considera probado que en setembro de 2016 a menor denunciou aos tres mozos inventando delitos de agresión sexual que aseguraba que se produciron no verán do ano 2015, sen poder concretar a data exacta, no domicilio dos dous acusados maiores de idade en Monte Porreiro. Aseguraba que, tras amordazarla e suxeitala fisicamente, os tres violárana.
Tamén en setembro de 2016, segundo declara probado a sentenza, a menor creou unha conta de Instagram co fin de enviarse mensaxes a ela mesma baixo a aparencia de ser un dos mozos aos que acusaba, escribindo mensaxes nos que figuraban expresións constitutivas de delitos de ameazas, e nos que se autoinculpaba de entrar na súa vivenda, cometendo delito de violación de morada.
Relacionadas:
-
Condenada a 12 meses nun centro de día por unha denuncia falsa de violación contra tres mozos de Monte Porreiro
Por Natalia Puga |
-
Unha nai e unha filla, xulgadas por unha denuncia falsa de violación contra tres mozos de Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- Levan ao xulgado unha denuncia falsa por violación: "Quero que sexan castigadas. Xustiza"
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- O xulgado exculpa tres mozos de Monte Porreiro acusados en falso de violar unha menor
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |