Cuntis e a ANPA do colexio Don Aurelio mercarán 18.000 máscaras para o inicio do curso
Por Redacción
O Concello e a comunidade educativa de Cuntis seguen traballando en estreita colaboración co obxectivo de que o próximo curso escolar, marcado pola pandemia da covid-19, se inicie do xeito máis seguro posible tanto para os nenos e nenas como para o profesorado.
Por iso, o alcalde, Manuel Campos, informou este sábado que o Concello chegou a un acordo coa ANPA do CPI Don Aurelio para a compra de maneira conxunta de 18.000 máscaras cirúrxicas.
Como indicou o rexedor, "foi unha proposta que partiu dos propios pais e nais e que nos pareceu unha boa medida polo que decidimos apoiala e colaborar na compra do material dende o Concello".
A adquisición permitirá cubrir as necesidades de protección do alumnado durante todo o primeiro trimestre. Así, cada día á hora da entrada á escola os mestres encargaranse de entregarlle a cada estudante unha nova máscara garantindo deste xeito que o elemento cumpre as condicións hixiénicas e de seguridade, ao tempo que se favorece o aforro das familias.
O acordo alcanzado, divide os gastos da compra do material a partes iguais entre Concello, ANPA e dirección do centro. Deste modo, cada parte encargarase de afrontar o custe das máscaras correspondentes a un mes (6.000) dando cobertura ao trimestre completo.
"A pesar de que os concellos non temos competencias en sanidade nin en educación, é momento de arrimar o ombro para tratar de que o inicio do curso escolar máis atípico que se lembra sexa o máis seguro posible para os cativos", explicou Campos.
Nesta liña, valorou "moi positivamente" a iniciativa da ANPA para a compra de máscaras así como "a colaboración do colexio que tamén participa cos seus propios fondos na adquisición do material".
"Somos conscientes de que o coronavirus vai facer que o inicio de curso sexa moi complicado por iso dende o goberno municipal queremos poñer en valor a colaboración de toda a comunidade educativa a través deste tipo de medidas que contribuirán a facer que a volta ás aulas sexa o máis segura posible", afirmou o alcalde.
Relacionadas:
-
Remesa de máscaras infantís e de adultos para un regreso ás aulas seguro no colexio Don Aurelio
Por Redacción |
-
Cuntis merca máis de 9.000 máscaras para a comunidade educativa do CPI Don Aurelio
Por Redacción |
-
Barro entregará máscaras aos centros educativos do municipio
Por Redacción |
-
Ana Pontón: A "improvisación" da Xunta no regreso ás aulas é unha "falta de respecto" á comunidade educativa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Dúas empresas doan mil máscaras infantís aos tres colexios de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Pontevedra, unha cidade con poucos incumprimentos: só 37 cidadáns denunciados por non levar máscaras
Por Natalia Puga |