Ata 16 centros educativos na área sanitaria rexistraron polo momento algún caso de COVID
Por Diego Espiño
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é a que máis casos rexistrou en Galicia de coronavirus en centros educativos.
Sanidade informa que ata esta fin de semana contabilizáronse 24 contaxios en colexios e escolas pontevedresas, superando os 23 casos rexistrados na Coruña, 17 en Santiago, 11 en Vigo e 10 en Ourense e Lugo.
Os resultados positivos afectan en concreto a 16 centros de ensino, sobre todo na capital provincial. Na cidade de Pontevedra o principal foco localizouse no Colexio Calasancio, pechado por completo os últimos días e que anunciou a súa reapertura para este próximo luns 21 de setembro unha vez cumpridos os días de corentena recomendados para o profesorado non contaxiado e tamén para os alumnos.
Ademais do Calasancio, no municipio localizáronse dous casos no CEIP Barcelos e un no CEIP de Marcón, o CEIP A Xunqueira I, IES Frei Martín Sarmiento, CEIP Cabanas-Salcedo, CPR Sagrado Corazón (Sanidade non especifica se se trata do centro de Praceres ou de Pontevedra) e a escola infantil da Parda.
Así mesmo en Marín víronse afectados con casos de coronavirus as escolas infantís de Dalila e Casa do Mar; en Sanxenxo o CEIP Cruceiro de Vilalonga e o CEIP Magaláns-Dorrón; en Vilaboa a escola infantil; en Poio o SEK Atlántico; en Vilagarcía o CPR San Francisco; e en Portas o CPI Domingo Fontán.